Política, sindicalismo e democracia

Política, sindicalismo e democracia

33

Na era da globalización o poder xa non é global, o poder intanxíbel que condiciona as nosas vidas ata a miseria está en moi poucas mans, todas sucias e con nome de bancos ou multinacionais. Os estados quedaron baleiros de poder e de capacidade de decisión política, tanto é así que os resultados electorais do Estado español implican unha ausencia de goberno sen maiores consecuencias reais, a única consecuencia clara é que a Unión Europea ten que adiar o seguinte plan de axuste ordenado pola banca.

As democracias occidentais convertéronse en pantallas do politicamente correcto, unicamente son democracias no formal (convocatoria de eleccións, votacións…); no fondo, no cualitativo, están baleiras de contido: non deciden, non fan política, non garanten dereitos, non defenden o público coma elemento de xustiza e cohesión social… en definitiva non son a nosa voz, son a nosa censura; cada catro anos eliximos que compañía de seguridade é a máis fiábel para defender os escasos bens sociais que temos. Co sistema actual xogamos a non perder, nunca a gañar. Agora chegan os tempos do que chaman a nova política, pero non haberá nova política nun sistema vello e caduco, só é posíbel mudar as cousas rompendo o que hai, a reforma non

Onde está a clase traballadora nese contexto? Cando menos secuestrada no medo. E de onde procede o medo? Do trunfo do individualismo consumista e da asimilación dos grandes sindicatos da “paz social” coma ferramentas de defensa dos nosos intereses de clase. Vaiamos por partes.

Dende os anos 70 do pasado século ata os inicios da crise actual (con altos e baixos) viviuse unha burbulla de crecemento e consumo a crédito que nos fixo mudar a semántica, pasamos de ser clase traballadora a ser clase media. Neses anos confiamos a defensa dos intereses da nosa clase, esa da que escapabamos, a uns sindicatos que entraron no xogo do capital (subvencións, consellos de administración, cursos de formación…), uns sindicatos que tamén quedaron baleiros de contido ao tempo que o Estado que os mantiña ía vendendo o poder económico e político.

A clase traballadora decidiu deixar de selo, pensabamos que agora eramos só individuos con capacidade de consumir todo aquilo que nos apetecía, e mediante ese consumo construíamos a nosa personalidade e a nosa posición ante o resto de individuos, o resto de rivais. Das cousas dos dereitos laborais xa se encargaban eses señores que almorzan coa patronal e visitan ao rei.

Chegou entón a crise e a creba da nosa capacidade de consumo, ficamos sen roupa no medio do xeo e chegou a angustia. Estou só, perdín todas as miñas cousas, toda a miña personalidade e non podo acudir á masa, á clase social da que veño renegando porque eu non era clase traballadora. Vou aos sindicatos do establismenth pero están baleiros coma o estado protector, nada poden facer. Velaí o medo.

Agora só queda reconstruírmonos, superar a vergoña de termos renunciado á clase e retomar a conciencia da mesma sustentada na solidariedade, na fraternidade, na igualdade e na liberdade que da o compromiso. A única vía posíbel para saír deste marasmo é o poder popular, pero este poder non llo podemos confiar a unha papeleta, o poder hai que tomalo e máis exercelo.

*Ricardo Catro Buerger é delegado de persoal de Procsa e membro do Secretariado Nacional da CUT, no que asume a Secretaría de Organización.