Secretariado da CUT avalía o 1º de maio e chama a Lugo...

Secretariado da CUT avalía o 1º de maio e chama a Lugo o 28 M

50

O Secretariado Nacional (SN) da CUT, máximo órgano do sindicato, xuntouse esta semana en sesión ordinaria para avaliar o 1º de maio. A celebración desta data, supón un orgullo para a CUT, que se sinte herdeira das loitas de Chicago xa non contra a patronal, senón contra a propia existencia dun sistema criminal (o Capitalismo) que inviabiliza que a clase traballadora poidamos vivir unha vida digna e en liberdade.Con todo, puxéronse en común os elementos máis negativos desta data. Sen dúbida a desafección pola mobilización sindical e a ritualización desta data pesaron moito máis que calquera outra causa, e o sindicalismo combativo non podo sentirse cómodo nun escenario no que a mobilización mingua. Nese sentido, o mandato do noso SN é tratar de repensar a celebración do Primeiro de Maio para vindeiras datas.Ao tempo puxéronse sobre a mesa as diferentes avaliacións da nosa Conferencia Nacional, analisada como esencialmente favorábel polo organismo posto que favoreceu un debate a corpo aberto e intenso por parte da afiliación, cun nivel de participación altísimo e con moitísimas achegas. Tamén se puxeron sobre a mesa aspectos negativos de organización. No balance negativo a Secretaría das Mulleres someteu a debate unha crítica sobre o desenvolvemento da mesma, chamando a superar en vindeiros encontros actitudes e usos do tempo derivadas da organización patriarcal da sociedade que aseguran a exclusión das mulleres e entorpecen os debates.

Finalmente o SN remozou o seu compromiso co 28 de maio, data na que se construirá entre todas unha muralla de dignidade ao redor da cidade vella de Lugo, organizada polas Marchas da Dignidade. Ao berro de Pan, Traballo e Teito desenvólvese un programa de acción dirixido a facer un chamado masivo para esa data na que non se pode non estar, nun momento de urxencia e necesidade social como o actual no que a solución está na mobilización e a unidade popular.