Francia, o Estado onde aínda existe a folga xeral

Francia, o Estado onde aínda existe a folga xeral

13

Os ventos antiobreiros que percorren Europa baten de cheo o Estado francés. Para o goberno “socialista” de Hollande, non abondou coa eliminación de moitas das garantías democráticas e dereitos civís baixo o pretexto dos sucesos do Charlie Hebdo e logo despois dos atentados de París, como daquela viñeramos denunciar.A comezos deste ano o gabinete presidido por Manuel Valls presentou unha proposta de reforma laboral, a chamada Lei El Khomri (polo apelido da ministra de Traballo Myriam El Khomri). Unha proposta que pretende favorecer a competitividade no emprego ao ditado da grande patronal francesa, unha reforma “á española” segundo as propias declaracións do primeiro ministro.
Á diferenza do que acontece no Estado español, a presentación da Lei El Khomri provocou unha inmediata resposta dos sindicatos de clase e dos estudantís. O presente mes de marzo estivo patrimonializado por un calendario de mobilizacións no contexto dunha poboación que se sitúa no 71% (segundo as enquisas) contraria a esta medida.
O pasado 9 de marzo, ao igual que o 24 deste mes en todas as cidades de Francia, a clase obreira estivo nas rúas coa xuventude e co estudantado. Coa excepción da CFDT (a UGT francesa) resultou un contundente NON á reforma laboral. Isto levou ao gabinete a maquillar a reforma coa intención de acalar o descontento, e deu comezo o teatro: a adhesión do amarelismo sindical da CFDT e o rexeitamento cínico da patronal francesa MEDEF.

Malia os engados e os sainetes o sindicalismo de clase; CGT, FO, TSU, SLB e Solidaires, así como as distintas organizacións estudantís, están a facer un chamamento a participar na FOLGA XERAL que se desenvolverá este xoves 31 de marzo, así como a intensificar e a endurecer as mobilizacións para o mes de abril. Queremos manifestar o noso afecto fraternal e amosar a nosa solidariedade internacionalista con esa loita. Novamente denede o mesmo Estado francés que creaba os dereitos políticos modernos se nos está a enviar unha mensaxe ao redor da vixencia e a necesidade dunha folga xeral.