Europa naufraga coas refuxiadas

Europa naufraga coas refuxiadas

18

Este sábado 27 de febreiro, a CUT, como parte do Foro Galego de Inmigración, secundará as convocatorias en demanda da implicación dos gobernos europeus na solución da traxedia humana das persoas refuxiadas.

Ao noso ver, o conflito das persoas refuxiadas e das migracións económicas en masa é o resultado de políticas sustentadas na explotación e no intervencionismo global contra países en vías de desenvolvemento, que aprofundiza na fenda económica entre as rexións ricas e pobres do planeta. Con certeza, se hai hoxe máis persoas refuxiadas do que en calquera outro momento desde a 2ª Guerra Mundial (como afirma a ONU) é consecuencia da infame lista de países destruídos polas políticas de guerra e rapina dos EEUU coa conivencia da OTAN e UE.A actual crise parece cronificarse nunha característica máis do modelo civilizatorio. As medidas paliativas, xa as agresivas como valados con concertinas ou despregues policiais nas fronteiras, xa as “moderadas” como os sistemas de cotas e centros de acollemento, non fan máis que desviar a mirada de causas e responsabilidades.Entendemos que o primeiro dereito das persoas que se desprazan na procura dunha vida máis digna, xa sexa por conflitos bélicos ou por condicións materiais, é, precisamente, o dereito a non ter que migrar. A política migratoria que demandamos, desde unha posición de clase, é a que actúa sobre as causas e, en calquera caso, asume responsabilidades e promove a solidariedade. Por este motivo, apoiaremos a iniciativa chamada Marcha europea polos dereitos das persoas refuxiadas e migrantes. Estas son as horas e lugares das convocatorias galegas:

  • 12:00 – Vigo – desde o Cruce Vía Norte-Urzáiz até Museu Marco
  • 19:30 – A Coruña – desde a Praia de Riazor até o Obelisco