París: o masacre como pretexto

París: o masacre como pretexto

9

Ao igual que no 11-S, os atentados de París convertéronse no pretexto para unha nova fase da Guerra Imperialista. Tanto dende a óptica da intervención militar como da perspectiva do recorte dos dereitos civís e políticos a vítima silenciosa desta operación global é a democracia. E por suposto as traballadoras e traballadores que seguen a se estampar contra os moitos muros da vergoña que se espallan polo mundo, ao tempo que o Capital exercita políticas xenófobas e convoca á sociedade civil ao racismo e ao medo ao “Outro”.Ao fío dunha masacre como a de París que, non esquezamos, non se paga coas vidas dese 1% que promove a traxedia e o asasinato en serie, o neoliberalismo reármase fiando discursos con febras de mentira, reorganizando os seus operativos militares e coordenando unha contraofensiva internacional que non ten por obxecto a reparación senón a depredación, e que se vai deixar sentir tanto no Estado Español como en Galiza, reartellando a represión.

Hillary Clinton, nunha intervención en sede parlamentar pouco celebrada recoñecía que “A xente que hoxe combatemos creámola nós.. vinte anos atrás. E fixémolo porque andabamos enleados nunha loita contra a Unión Soviética, que invadira Afganistán, e non queríamos vela co control de Asia Central. E puxémonos mans á obra. E foi Reagan […] quen dixo . E vexan, eles retiráronse. Perderon millóns de dólares que levaron ao colapso da URSS. Así que é un argumento de peso, non foi un mal investimento o fin da Unión Soviética. Pero teñamos coidado, colleitamos o que sementamos”.

O que H. Clinton agocha é que esa financiación xamais cesou. Xaora polos USA, xaora pola Mosad e o MIG 16 ou os servizos secretos franceses. Ese monstro que hoxe engole París, Beirut, Palestina, Kenia, Exipto ou o Kurdistán. Ese monstro que se alimenta da conxura de intereses propios e de armamento e sostemento norteño. Mais sobre todo un monstro que medra sobre as ruínas da intervención imperialista en Irak, Libia, Afganistán, Sudán, Chad, Siria, Iemen, Paletina, etc. que provocou nos útimos quince anos máis dun millón de asasinatos, vinte millóns de desprazamentos e máis de dez millóns de persoas refuxiadas.A clase traballadora galega ten que opoñerse sempre e en calquera lugar á guerra. Máis aínda se no horizonte está a rapiña, a ocupación, a escravitude, o somentemento e a usurpación de enchaves de valor xeoestratéxico. Cando se fala da barbarie non caben medias verdades: os verdadeiros culpables móvense polos sumidoiros dos estados capitalistas. Fronte ás organizacións que masacran en chaves psicopáticas, en nome de calquera causa divina, está o dedo das potencias de norteamérica e centroeuropa que sinalan, escriben os plans de execución e organizan o repertorio internacional de mortes que deben servir aos seus intereses baixo a súa causa, tamén fanática, dunha entrega sen matices ao global Deus do diñeiro.Desde a CUT chamamos a todas as forzas do sindicalismo de clase, da esquerda real, dos movementos sociais a profundizar na unidade e na posición inequívoca fronte á guerra imperialista, evitando caer no engado da propaganda imperial, cínica; evitando a trampa do dobre raseiro onde as mortes han valer máis ou menos. Non se trata da pertenza a esta ou aqueloutra relixión ou confesión. Trátase do impune servizo ás forzas vivas do Capital, dispostas a tomar o mundo cos dentes. Custe o que custe.