E a Unidade Popular volveu ao Obradoiro

E a Unidade Popular volveu ao Obradoiro

15

Tres milleiros de persoas tomaban hai unha semana a capital compostelá ao berro de Pan, Traballo, Teito e Dignidade. A praza do Obradoiro foi de novo o acocho da digna rabia da morea de colectivos, asociacións, ANPAS, organizacións sindicais, estudantís, plataformas antidesafiuzamentos e toda esa manchea de entidades sociais que decidiron apostar pola rúa nun dos momentos de maior urxencia social, que dificulta con moito a participación masiva nas mobilizacións populares. Contra a chuvia da miseria económica e o control social, pero sobre todo contra a desesperación.Tres milleiros de persoas volvían a demandar este sábado na praza do Obradoiro “Pan, Traballo e Teito” nun exercicio de dignidade e memoria, cando o imperativo de orde da nosa Internacional “temos que salvarnós nós mesmos/as, o pobo traballador” se volve máis urxente do que nunca, animándonos a retomar con forza as nosas ferramentas de loita, a ocupar decididamente os espazos tradicionais do movemento obrero e popular, e a non caer na idea dogmática de solucións máxicas: non hai vitoria posíbel para o pobo traballador que non pase por apropiarse permanentemente das rúas.Se ben os colectivos que compoñen este movemento temos que abordar de maneira seria no concreto a dimensión desta manifestación e o actual ciclo de desmobilización que vivimos, para a CUT non existe dúbida de que o camiño é seguirmos a afondar na consolidación nas rúas da unidade obreira e popular. O tempo de desconto no que a clase traballadora galega se xoga o seu futuro non pide atrancos, corifeos de miserables, nin escusas, pide verdadeiras soucións.