Manolo Camaño: “Quen non estea coas Marchas estará logo con CCOO-UGT”

Manolo Camaño: “Quen non estea coas Marchas estará logo con CCOO-UGT”

9

Varios xornais dixitais galegos publicaban este sábado un artigo do Secretario Xeral da CUT, Manolo Camaño, baixo o título “A unidade popular estará no Obradoiro o 24O”. Para o noso compañeiro os tempos de “excepcionalidade histórica tanto no ámbito social como no nacional” chama pola mobilización, abandonando posicións “exclusivamente electorais” para “golpear frontalmente o réxime do 78” e “crear as condicións apropiadas para “unha quebra democrática que dea pé a un proceso constituínte e camiñarmos cara ao recoñecemento nacional de Galicia, á solidariedade internacionalista”.  Segundo Manolo Camaño “o que hai que ter claro, e non nos doe dicilo, é que quen non estea coas Marchas estará logo con CCOO-UGT nos seus niveis de inacción e de asimilación polo sistema. Non estarán, por tanto, polo labor do cambio social”, asegurando que as Marchas da Dignidade “non entenden unha actitude verdadeiramente transformadora sen nos cuestionar de raíz a pertenza á Unión Europea e a dependencia do euro que son auténticas sogas do capital para a clase traballadora e os pobos do Estado”.Se as Marchas non funcionasen “non hai dúbida de que habería que reinventar outra plataforma que seguise a recoller todo o abano dos movementos sociais, culturais, do feminismo, do sindicalismo e de todo o tecido social e humano que, mediante a unión, fixese fracasar as manobras do capital e dos gobernos nos que se apoia”, incidindo na necesidade de preparar un “1 de maio unitario anticapitalista e masivo así como unha folga xeral que terá que chegar á nosa nación e a todo o Estado queiran ou non queiran”. Le o artigo completo en Sermos Galiza e Galicia Confidencial, medios aos que agradecemos a cobertura das previas á mobilización do 24 de outubro ás 12:00 horas no Obradoiro.