A CUT denuncia unha fraude da CRTVG á Seguridade Social que estima...

A CUT denuncia unha fraude da CRTVG á Seguridade Social que estima por riba dos 4 millóns de euros

22

O sindicato detectou infracotizacións nas nóminas do conxunto do persoal que segundo as súas estimacións superan os 4 millóns de euros e poderían chegar aos 15 millóns, e pide a asunción urxente responsabilidades políticas pola gravidade dos feitos.

A CUT presentou esta mañá denuncia en Inspección de Traballo e Seguridade Social contra a Compañía de Radio-Televisión de Galicia por unha fraude concretada en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 € e 700 € na nómina de cada un do case milleiro de traballadores e traballadoras da empresa nos últimos 4 anos. En xaneiro deste ano, cando aínda non se tiña unha perspectiva do alcance da infracotización millonaria, a CUT solicitara da dirección da empresa unha regularizacion urxente, que se deu só para os primeiros meses deste ano e, contrariando a legalidade, foi realizada detraéndolle cantidades aos propios traballadores e traballadoras que sufriron esta merma nas súas cotizacións. Este incumprimento comezou en 2010, coa desobediencia empresarial do mandato do RDLei 8/2010, de 20 de maio, de continuar malia os recortes sostendo a cotización de maio dese ano, cunha tallada ilícita nas cotizacións do conxunto do persoal da empresa que agás excepcións, sufriu unha importante rebaixa.A CUT considera unha vergoña que fronte ao seu deber de colaboración con outras Administracións e a exemplaridade que unha empresa pública baixo supervisión parlamentaria debe dar, durante todos estes anos os reiterados incumprimentos empresariais xogaran degradando e baleirando a imprescindíbel caixa da Seguridade Social, compromentendo o futuro das traballadoras e traballadores do ente, pero non só. A central sindical demanda a inmediata asunción de responsabilidades políticas por estes feitos gravísimos e demanda explicacións inmediatas do Director Xeral sobre o acontecido, malia que, ao evidenciarse a nefasta xestión do ente público, a CUT entende que a conclusión non pode ser outra que o cese do Director Xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia e do seu equipo directivo como máximos responsables.A CUT seguirá de preto a instrución de Inspección Laboral, colaborando coa Administración para regularizar a situación do cadro de persoal da empresa. Ao tempo fai un chamado a todos os traballadores e traballadoras afectados que cobraran a prestación de desemprego, maternidades, incapacidades, xubilacións, etc. -xa continúen en activo ou foran despedidos- a que presten atención ao curso desta denuncia, porque de prosperar abrirá unha vía incuestionábel para que recuperen os seus dereitos económicos perdidos. Atenderemos todas as consultas que os nosos compañeiros e compañeiras teñan sobre este tema.