Foise Pepa Noia, galega da Plaza de Mayo

Foise Pepa Noia, galega da Plaza de Mayo

12

Pepa Noia era unha desas 14 persoas que se atreveran a desafiar á policía e aos poderes militares para manifestárense. “Cheguei moi cedo, dúas horas antes da hora que acordamos. Non podía durmir en toda a noite. Fun á praza, non había un alma. Eran as pombas e eu. Un anaco despois chegaron as outras mamás. Había unha moza que non quixo dar o nome. (…) comezamos a dar as voltas porque non podiamos ficar quietas, os policías facíanos camiñar”.O 13 de outubro do 1976 “desaparecera” María de Lourdes Noia de Mezzadra, 29 anos, a súa filla.  Dicía Pepa “nunca, nunca, van dicir: ‘la vimos llorar a Pepa’. Eu choraba cando saía á rúa. Cando ía nos “colectivos”, tomaba asento para fumar e choraba. Cando ía aos ministerios dicía: non hai que mostrarlles a dor que unha ten. Tan logo como saía, choraba como unha desgraciada todo o camiño. Diante deles, xamais”.Corenta anos despois esta imprescindíbel muller, símbolo dos máis altos valores humanitarios e de loita, deixábanos para sempre sen ter nova ningunha de María Lourdes. Que sexa vizosa a súa nova vida na nosa memoria.