Fin de folga en SANTOS: suba salarial!

Fin de folga en SANTOS: suba salarial!

18

Despois de 13 días de folga indefinida en SANTOS vén de referendarse na asemblea de hoxe o acordo alcanzado na sede do AGA, polo que se concreta un incremento salarial do 3,64% distribuído nos anos 2014, 2015 e 2016 a razón dun 1,2% anual, onda un compromiso de negociación da xornada irregular co Comité de Empresa. O Comité de Folga celebra un acordo que os sindicatos CIG e CUT cualifican de “exemplo” para a clase traballadora nun contexto de negociacións á baixa. Con este acordo levantouse a convocatoria de folga.Os traballadores e traballadoras de Santos Cociña e Baño, empresa situada en Camporrapado (Boqueixón), declaráronse en folga indefinida o pasado 1 de xullo. Unha mobilización apoiada polo 90% do cadro de persoal para loitar contra a aplicación da reforma laboral e reclamar unha suba salarial. Cunha posición dos medios de comunicación de invisibilización activa do conflito a loita non foi doada mais, con todo, o persoal de SANTOS envía con esta vitoria unha mensaxe contundente e de optimismo á clase traballadora galega. A unidade sindical e a perseverancia dun cadro de persoal foron as chaves da superación dun conflito que semellaba enquistarse nun sector, o madeireiro, no que a patronal segue sen sentarse á Mesa de Negociación. Cada un dos e das folguistas, así como as centrais sindicais convocantes, souberon estar á altura dun conflito duro, con xenerosidade e perspectiva. Hoxe en SANTOS veuse demostrar que hai vías alternativas aos recortes e á submisión se as traballadores e traballadores damos un paso adiante. Só dende a confianza nas nosas propias forzas, as traballadoras e traballadores facemos xirar a historia.