Grecia na encrucillada: máis UE ou Pragmatismo

Grecia na encrucillada: máis UE ou Pragmatismo

22

Nos últimos tempos desde esta páxina temos informado, e analizado, a propósito do proceso que se vive en Grecia. E facémolo partindo do convencemento de que neste país é sen dúbida onde as políticas capitalistas da Troika son aplicadas de maneira máis nítida. É xusto dicir, tamén, que é en Grecia onde a resposta da clase traballadora e dos sectores populares teñen acadado cotas de maior desenvolvemento.

Syriza leva gobernando o país  desde o mes de xaneiro deste ano e enfronta neste momento un reto difícil de despexar e que non é outro que o de traspasar as liñas vermellas do seu propio programa electoral. No pasado mes de xaneiro alegrámonos polo triunfo progresista en Grecia, pero a análise do proceso transcende ó subxectivismo da alegría ou do pesar. A actual encrucillada na que se atopa aquel goberno para encarar os ditados do pago da débeda, hai que situalos no contexto que precede ó executivo actual, así como as consecuencias que poden derivarse de decantárense por unha ou outra opción.

Onte 23 de xuño, o PAME, a organización sindical de clase que tivo máis protagonismo na mobilización do pobo grego nos últimos catro anos, volveu chamar a clase traballadora helena para manifestarse na Praza Omonia. A razón do chamamento non é outra que unha férrea oposición ó novo acordo do goberno de Syriza coas mafias da Comisión Europea, BCE e FMI. Non hai que esquecer que o PAME foi a peza fundamental na convocatoria das dezaseis folgas xerais que tiveron lugar en Grecia no transcurso do último lustro.

Esta organización sindical de clase, e atípica ó mesmo tempo, agrupa non seu seo a máis de 600 colectivos non só propiamente sindicais, senón tamén a pensionistas, colectivos do desafiuzamento, do agro, asociacións de persoas afectadas pola estafa eléctrica, etc. Reivindican con claridade a negativa ó pago da débeda e, por suposto, a saída do euro e da UE. A capacidade do PAME está fora de toda dúbida, por iso pensar que a súa posición se explica pola obediencia ó KKE (Partido Comunista de Grecia) sería, como pouco, simplista.

Sexa cal sexa a posición final que adopte o goberno grego, as consecuencias vanse facer notar, ben falemos do plano económico ou do propio sufrimento do pobo grego debido a unhas consecuencias sociais desastrosas. Manter, con todas as consecuencias, o programa electoral significaría a expulsión do euro e, consecuentemente, a saída da UE. De non manteren o acordado coa maioría agredida a través dos comicios de xaneiro, estaríamos diante dunha deriva previsible que podería supoñer o fortalecemento electoral da dereita nas distintas expresións, sexa a volta de Antonis Samaras coa Nova Democracia, a consolidación dos fascistas de Amencer Dourado ou mesmo a fabricación dunha terceira vía, sempre sistémica (caso Ciudadanos no Estado español), co partido To Potami.

Ocorra o que ocorra, desde a CUT manifestamos a nosa total solidariedade internacionalista co pobo traballador grego que está a manter desde hai tempo unha exemplar batalla popular contra o capital. É labor obrigatoria de toda a esquerda e do sindicalismo de clase europeo contribuír co PAME a facer tremer os cimentos da Troika e dos poderes económicos que, coas políticas implementadas polos seus lacaios nos parlamentos, levan causado tanto sufrimento nas familias e tanto drama social.

Avante Grecia.