Xosé Mexuto Bernárdez.

Xosé Mexuto Bernárdez.

25

O pasado 9 de abril presentouse na Biblioteca Nacional de Bos Aires o libro Cartas de un condenado a muerte, publicado pola editorial Alvarellos. Mañá xoves 11 de xuño será presentado en Redondela. Este interesante documento fai públicas trinta e catro cartas do preso político galego Xosé Mejuto Bernárdez (1907), asasinado o 27 de xullo de 1937 en Pontevedra. Trátase de cartas dirixidas á súa dona desde as cadeas de Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra no período que vai de outubro de 1936 a xuño de 1937. Trátase dun testemuño moi valioso para o estudo dun período convulso como a Guerra Civil e o Franquismo, á par que resulta emocionante e conmovedor para calquera persoa con sensibilidade histórica desde o punto de vista da loita polas liberdades.
Colaboran na edición Xesús Alonso Montero, a profesora Olivia Rodríguez, Ana Paula Mejuto, neta destoutra vítima do franquismo e herdeira da súa valía política, e o propio Eduardo Galeano, que nos deixaría para sempre catro días máis tarde da saída do prelo deste libro coas cartas dirixidas a Alexandra Nogueira Lagoa, compañeira e nai dos catro fillos do mencionado mecánico naval que participou na creación da primeira célula comunista en Cangas de Morrazo.
Coñecín a señora Alexandra Nogueira cando era neno, con quen compartimos os lindes dos nosos eidos. Unha muller elegante, entrañable, que rebordaba dignidade mesturándoa cunha aparencia franca e humilde. En realidade, agochaba unha tristura e lealdade eterna ó seu Pepe e que mantivo até o momento da súa morte en Bos Aires. Ninguén nos explicou de crianzas quen era o home da señora Alexandra, onde estaba, nin sabíamos se morrera. Foi ós dezaoito anos que soubemos do desenlace dramático e que coincidía coa traxedia familiar de milleiros de persoas en Galicia e no resto do Estado.
Gustaríame recomendar vivamente a lectura do libro sobre as vivencias de Mejuto. Debullade as cartas unha a unha e sentide o estremecemento pola sensibilidade literaria dun traballador do metal, a calidade humana dun paisano excepcional e, sobre todo, pola dozura dun comunista que ama á súa compañeira, a súa familia, a natureza e o seu pobo. Un home enteiro que non perde a tenrura en ningún momento aínda sendo sabedor da súa fatal sorte.
Vai facer agora un ano, tivemos a honra de visitar con Ana Paula e Carolina, a bisneta de Pepe Mejuto, o seu prezado fogar na Retirosa. Elas non sabían deste reduto idílico no que se goreceron noutrora os seus avós. Aínda seguen en pé o hórreo e algunhas maceiras plantadas polo finado, fermosas testemuñas ergueitas durante un pasado de felicidade e esperanza que lles foi arrebatado polo fascismo naquela altura. Os mesmos suxeitos que campan agora con finas roupaxes por parlamentos e concellos. As cartas de Pepe Mejuto recrean en tempo real e con inusitada fidelidade ese sufrimento que
perdura nunha fonda ferida aínda non pechada. De non coñecermos ben as cicatrices que marcan de onde vimos e cara onde nos diriximos, non daremos saldado as contas coa nosa propia historia e cos responsables de tan tráxicos acontecementos. Falamos da sorte que padeceu Pepe en nome milleiros de persoas cruelmente represaliadas co mesmo final. En nome de nós mesmos, en definitiva, que herdamos o mesmo compromiso de pugna solidaria pola democracia popular á que, coa mesma afouteza dos Mejuto, nos debemos. Permitídeme, por tanto, que celebre esta publicación e que insista vivamente na recomendación deste formidable libro.