Tráxicas xornadas para a clase traballadora

Tráxicas xornadas para a clase traballadora

7

Hoxe seguen a se despexar novos datos sobre o número de vítimas mortais do último accidente no Canal de Sicilia, onde vén de afundir nesta fin de semana un barco con máis de 900 traballadoras e traballadores. Neste momento fálase de máis de 800 mortes directamente causadas polas políticas antipersoa dos diferentes estados da Unión Europea, entre eles o Reino de España. Os medios de comunicación, voceiros do poder, seguen preocupados en agochar baixo unha suposta inmigración abstracta e sen causa a responsabilidade dos diferentes estados capitalistas occidentais na creación de situacións de caos socioeconómico e político e suma pobreza que disparan fóra dos seus países a milleiros de traballadoras e traballadores, coas súas familias, ao tempo que pechan en bloque as fronteiras estatais convertindo o Mar Mediterráneo (entre outros) nunha foxa común. Despois dun dramático 2014 con 4,868 mortes en diversos intentos de cruzar fronteiras ao longo do mundo perseguidos pola miseria, o Ministerio do Interior español compórtase como un auténtico sicario do discurso xenófobo e das políticas neoliberais endurecendo a súa política de exclusión e maltrato para as traballadoras e traballadores do sur, convertindo mesmo en protocolo o uso da violencia policial nas deportacións. A CUT nestas xornadas tráxicas para a clase obreira fai un chamado á loita pola apertura inmediata de todas as fronteiras, pois o reverso desta medida é repetir unha e outra vez a traxedia.