1º de Maio: Pola Dignidade

1º de Maio: Pola Dignidade

7

Neste 1º de Maio a clase traballadora, nosoutras,continuamos a loita contra a corrupción xeralizada, a privatización dos servizos públicos, a miseria enerxética, a falla de vivendas. Sobran os motivos para a mobilización.

As reformas laborais serviron para que os empresarios conseguiran os seus obxectivos: ter traballadores e traballadoras sen dereitos. Banqueiros e capitalistas seguen aumentando os seus beneficios á custa do sufrimento e miseria da meirande parte da poboación, sen escrúpulos e coa complicidade de políticos lacaios que comparten os seus privilexios, ao tempo que condenan a amplos sectores populares á pobreza máis severa, mentres sosteñen tramas de corrupción que repugnan á calquera. Cando nun país se desaloxa ás persoas das súas vivendas violentamente, cando se corta a luz, a auga ou o gas a quen non pode pagalos, cando encher a cesta da compra é un acto épico, cando non existe ningunha estabilidade laboral e o despido depende unicamente da vontade do empresario, cando as pensións son miserables, cando a xuventude ten que emigrar, cando as listas de espera nos hospitais son interminables e a axuda á dependencia é unha burla… mentres os gastos militares e policiais se disparan… A conclusión é que vivimos nun estado de excepción e de exclusión no que chegou o momento de dicir ABONDA!, CHEGA! desta ditadura disfrazada de democracia. A represión endureceuse para quen loita contra este sistema corrupto e inxusto desde os seus cimentos. A lexislación modificouse a tal efecto e os xuíces execútana sen pestanexar. A aplicación sistemática da prisión preventiva e o aumento do número de procesados, condenados e encarcerados por mobilizacións sindicais e sociais, retrotráenos a épocas nas que o aparato xudicial era un executor máis do estado totalitario. Neste 1º de Maio dicimos: ou eles, ou nós. Imponse a necesidade da acumulacion de forzas, a unidade da clase obreira e os sectores populares. Si, a unidade de clase é imprescindible nesta fase histórica do capitalismo, e desde aí poder afrontar con garantías o derrubamento do sistema e o empoderamento popular. Pois de non ser así, non poderemos asinar o certificado de defuncion deste capitalismo feroz. Asemade dicimos que nós non lles temos medo. Só desde a loita, desde a resposta contundente na rúa e nas empresas, poderemos enfrontar os atropelos e a barbarie que nos impoñen o goberno e o capitalismo. Vainos nela a liberdade e toda posibilidade de vivir unha vida que mereza tal nome, na que os dereitos sociais sexan a garantía do desenvolvemento das persoas, con dignidade e igualdade. Por iso nosoutras continuaremos loitando contra o TTIP, xunto as Marchas da Dignidade, nos movementos antidesafiuzamento, e naqueles ámbitos nos que se denuncie a inxustiza como o que é: violencia institucionalizada. Por todo isto, este 1º de Maio berramos: XA CHEGA DE REPRESIÓN! PAN, TRABALLO, TEITO E DIGNIDADE! VIVA A CLASE OBREIRA! VIVA O 1º DE MAIO!