Manifesto galego para o 21M: A loita continúa en Madrid o 21...

Manifesto galego para o 21M: A loita continúa en Madrid o 21 de marzo

11

O pasado 22 de marzo, no 2014, un millón de persoas manifestámonos en Madrid convocadas por centos de organizacións sociais, sindicais e cidadáns para protestar pola situación de explotación, miseria, recortes e ataques aos dereitos máis básicos que estabamos a atravesar. Alí estivo a Columna Galega apoiando a necesidade de combater tanta agresión.

Transcorrido un ano, as condicións de vida do pobo, provocada polos gobernantes, fieis lacaios do capitalismo máis voraz e desapiadado, e os seus cómplices nas súas políticas de desmantelamento dos servizos públicos e dos dereitos sociais, non variaron nin un átomo, agás as maquillaxes electoralistas interesadas. Máis ben, polo contrario, segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias ao pobo, co incremento da pobreza e da represión.
Volvemos a Madrid o próximo 21 de marzo para denunciar que a complicidade entre o FMI, o BCE e a UE cos poderes políticos e empresarias leváronnos a unha situación terrible:• No estado español o 25% da infancia sofre desnutrición e mesmo hai moita xente que pasa fame.• Hai máis de dez millóns de persoas pobres, cobrando menos de 600 euros ao mes, 700.000 familias sen ingresos e máis de tres millóns de persoas sen emprego e sen prestacións.• Hai 5,5 millóns de persoas no paro, e quen ten a sorte de asinar un contrato, o fai en condicións de precariedade impostas, moitas veces na obriga de antepoñer a necesidade de supervivencia a propia dignidade.• Desaparecen dereitos laborais básicos, nos impoñen a xornada, a categoría e o salario. Os contratos dignos, con salario suficiente, pasan a ser historia.• Conxélanse as pensións e endurécense as condicións para chegar dignamente á xubilación.• Reprímese selectivamente a sindicalistas e activistas sociais, así como as súas organizacións, resultando ducias de persoas condenadas á cadea por manifestarse ou secundar folgas, e impóñennos milleiros de multas que buscan romper a mobilización popular.• Milleiros de persoas son expulsadas das súas vivendas.• Négaselles asistencia sanitaria a millóns de persoas, chegando a negar medicamentos que poden supoñer a curación de enfermidades mortais.• Condénase a mocidade á emigración.• Entrégase o territorio, a auga…, a Natureza, á voracidade depredadora do capital, destruíndo o medio e o futuro.• Destrúese a economía agraria e pesqueira.• Execútanse políticas crueis, xenófobas e inhumanas coas persoas inmigrantes.• Entréganse os servizos públicos ao capitalismo, que busca obter beneficio a costa do deterioro do servizo e da nosa dor.• A resposta a esta iniquidade, xeneralizada, supón apostar pola insubmisión ás súas leis, deseñadas para favorecer aos poderes e intereses amigos, e aos seus, loitar e recuperar a dignidade como pobo, seguir mobilizándonos, e pasar á ofensiva.
Polo tanto:• Dicímoslles aos poderosos que xa abonda de nos roubar: vivendas, empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna.• Berramos que xa abonda de espoliar os nosos dereitos básicos: a liberdade de manifestación, a liberdade de expresión, a liberdade de folga, a liberdade sindical, a liberdade de defendernos firmemente das súas agresións e enfrontarnos aos seus intentos de deixarnos sen presente e sen futuro.• Combatemos radicalmente o seu sistema corrupto, xerador de desigualdades abismais e de inxustiza social.• Negámonos a aceptar o seu concepto de débeda, que pretende atraparnos nunha escravitude perpetua.• Reivindicamos e esiximos unha sociedade xusta, libre, e igualitaria para termos unha existencia merecente de ser vivida.
E por todo isto, seguimos esixindo:• A restitución ao pobo dos 120.000 millóns entregados ao poder financeiro.• A derrogación da lexislación laboral e de pensións que tanta dor teñen espallado entre a clase traballadora.• A reversión das medidas destrutoras, privatizacións, desmantelamento e recortes dos servizos públicos, tanto en sanidade como en educación, en servizos de emerxencia, en comunicacións e transporte publico (ferrocarrís, transporte urbano, correos) e en enerxía.• Contratos fixos e salarios suficientes para ter unha existencia digna.• A redución da semana laboral a 30 horas, para poder traballar todos e todas e fomentar a igualdade e o reparto de tarefas no centro de traballo e no fogar.• A fixación de salarios e pensións mínimas dignas, en contía suficiente que permita a independencia económica das persoas perceptoras.• O retorno ao ámbito da xestión pública das empresas de sectores esenciais para a vida (enerxía, auga…), e dos servizos sociais e sanitarios.• O dereito á vivenda digna inembargable• O dereito á libre decisión sobre a saúde sexual e reprodutiva, incluído o aborto con carácter libre e gratuíto.• A retirada da Lei Mordaza.• A promulgación de políticas que desenvolvan a nosa agricultura, a nosa pesca, e o noso medio ambiente, como sectores estratéxicos e sustentadores da vida.
Seguimos mobilizándonos, e camiñamos para construír unha sociedade máis xusta e por iso, a Columna Galega das Marchas da Dignidade confluirá coas do resto do estado en Madrid o vindeiro 21 de marzo.
Galiza, marzo de 2015O 21-M VOLVEMOS A MADRID