Outra visión das eleccións en Grecia

Outra visión das eleccións en Grecia

15

Necesariamente témonos que referir máis unha vez ós periódicos do Réxime. Non é casualidade, por algo son parte consustancial e imprescindible do mesmo. Dicímolo porque tampouco é coincidencia o xeito en que todo o abano dos media, desde os que pintan máis progres ós máis descaradamente reaccionarios, reflicten a crónica das eleccións en Grecia. Utilizan as mesmas claves e veñen incidir nos mesmos resaltes e con independencia das simplificacións ideolóxicas que as máis das veces son insultantes.

 Todos destacan en titular o éxito incustionable, tamén para nós, de Syriza, a desfeita do PASOK (homólogo do PSOE) e, por suposto, que os fascistas de Amencer Dourado queda como a terceira forza. É obvio que a política e, xa que logo, as eleccións son algo máis que aritmética fría, e moito máis que parámetros numéricos fixos e descontextualizados. Esa sería a maneira de enfiar o relato político de quen pensa que a democracia burguesa é o sistema político máis válido no mundo ou incluso o único posible. Pero, ó igual que cando analizabamos a EPA, non todos pensamos nos termos nos que o fai un Rajoy ou un De Guindos porque, por sorte, existen outras maneiras de valorar e de reflexionar sobre os acontecementos. Vaia por diante que para nós o triunfo de Syriza en Grecia é unha moi boa noticia. Pero a mellor noticia é que o pobo grego, e a súa clase obreira organizada e mobilizada, fixo posible a caída do equivalente do PP en Grecia: Nova Democracia. Para algunhas persoas o cambio político en Grecia será o simple resultado do cambio de opinión do electorado. Para outras será o resultado do bo facer de Syriza. A análise electoral rigurosa ten que ser máis profunda e ten que ter en conta as variables reais dous últimos sete anos nese país. Casualmente a prensa oficial non nos informa de que o KKE foi con Syriza a única forza que incrementou o número de votantes (60.000) e tamén de deputados. Casualmente fálase de Amencer Dourado sen informar que baixaron 38.000 votantes, aínda sendo un fenómeno preocupante. Interesa reforzar como pseudoargumento dos “extremos se tocan” ou “o extremismo de Syriza e de Amencer Dourado” poñen en perigo a democracia grega. Tampouco os editoriais nos falarán de por qué Syriza non terá o apoio do KKE e si da dereita patriótica de ANEL para gobernar. A análise claro que ten que ser moito máis profunda. O triunfo de Syriza e tamén do KKE son o resultado no plano electoral de sete anos de loita decidida do pobo grego. É o resultado da loita da clase traballadora grega co papel determinante do sindicato PAME. Dazasete Folgas Xerais, centos de folgas sectoriais, centos de peches, miles de feridos nas manifestacións, miles de persoas multadas por se enfrontaren ós ditados da Troika e ó seu acólito en Atenas, Antonis Samarás, sen esquecernos dos mortos na rúa. O síntoma máis importante que dá conta da moi boa noticia do escrutinio electoral grego para a clase traballadora mundial é, precisamente, o estado de repulsión ocasionado na oligarquía e o nerviosismo plasmado nas bolsas con respecto ó euro. Malia todo, e como dixo o Che Guevara o 1 de xaneiro de 1959 á súa entrada na Habana: “Agora vén o difícil”. O reto que ten o novo goberno de Alexis Tsipras é colosal. Temas como a auditoría e o aprazamento da “débeda grega”, a permanencia na OTAN, no Euro e na propia UE, virán a ser as claves que determinarán o pulso que se abre entre a nación grega e a Troika. Do resultado desa ecuación dependerá incluso o futuro dese artefacto capitalista que hoxe goberna Europa. Pero como factor fundamental para resolver o conflito en clave nacional grega, e o tempo falará, será a capacidade de mobilización na rúa do pobo grego. A sociedade deste país gañou as eleccións fronte a Merkel pero a capacidade de chantaxe xenocida do neoliberalismo aínda está por ver. Desde a CUT transmitimos con ledicia os nosos parabéns e a nosa solidariedade de clase co pobo grego e co sindicato PAME.