EPA 2014: Un relato mentireiro da economía e o emprego

EPA 2014: Un relato mentireiro da economía e o emprego

9

Os periódicos do Réxime, desde El País a La Razón, publican nas súas primeiras planas os datos da EPA do 2014. A liña informativa ó estilo do NO-DO, como non podería ser doutra maneira, describe unha paisaxe que recrea a “mellora da economía” e o “incremento do emprego” no conxunto do Estado Español. Segundo a Enquisa de Poboación Activa, o número de xente traballadora parada diminuíu situándose na taxa do 23,7 %, ou o que é o mesmo: unhas 477.900 persoas paradas menos.
Paralelamente o Ministro de Economía, Luís de Guindos, vén de anunciar que o índice de crecemento da economía española para o ano 2015 será do 3%. E, simultaneamente, desde Bruxelas o Sr. Draghi, Presidente do Banco Central, tamén acaba de anunciar que esta entidade mercará débeda pública ós estados europeos por un valor de 600.000 millóns de euros. Obviamente as tres novas van interrelacionadas e teñen moito que ver coa fabricación dun relato ad hoc por parte dos xestores do capitalismo para enganar a maioría social que sofre os avatares da crise. A EPA o que non indica cando equipara o número de afiliacións á seguridade social ó número de individuos empregados é o número de contratos reais, a súa duración, o seu carácter e a súa calidade. Tampouco nos aclara a Enquisa de Poboación Activa cal foi a media salarial deses novos contratos ou cantos deles estaban afectados por un Convenio Colectivo. Doutra banda, Luís de Guindos obviamente tampouco explica onde se vai ubicar o crecemento económico. Para ese cometido xa está o sindicalismo de clase como o noso: nas rendas doCcapital a costa do traballo. O rico cada día máis rico e a xente pobre cada vez máis pobre. En definitiva, o relato que emana da EPA do 2014 non é máis ca burda propaganda destinada a crear sensacións e universos virtuais para seguir sometendo as camadas populares. O que si non agocha a EPA é o incremento do paro en Galicia.