Rematan con éxito as negociacións con Burger King

Rematan con éxito as negociacións con Burger King

11

Despois de ter acadado un acordo indemnizatorio coa empresa desactívase as mobilizacións previstas en solidariedade co compañeiro e a compañeira despedidas. Despois dun longo encontro negociador coa patronal de Easy Lunch (franquiciada da marca Burger King) chegouse nesta semana a un acordo que as traballadoras consideran satisfatorio, e que malia non recoñecer a súa readmisión, si recoñece unha indemnización de 66 días por ano no caso do compañeiro que do centro da Senra e de máis de 300 días por ano traballado para a compañeira do centro das Cancelas, ambos en Compostela. O despedimento provocara xa a denuncia desta central sindical na Inspección Laboral das nefastas condicións nas que o persoal presta o servizo, cuns índices de temporalidade estrutural ilegais e fraudulentos e o establecemento de horas complementarias ilícitas dobrando a xornada prevista no contrato de todo o cadro de persoal. Unha denuncia que prosperou e que, malia que segue a ser instruída pola inspectora responsábel, conduciu xa á transformación en indefinidos de todos os contratos en ambos os centros e ao incremento da xornada legal, certificando que a ilegalidade é un patrón común nestas multinacionais do emprego lixo. Logo dunha mobilización pola readmisión deste compañeiro e compañeira, que xuntou a varias dúcias de afiliadas do sindicato e persoas solidarias o pasado xoves 4, ambos se mostran satisfeitos do resultado xa que malia non ter sido acadado o obxectivo da súa readmisión esta saída negociada lles dá certas garantías para o coidado da súa futura crianza, principal motivo dos seus despedimentos.