CCOO, o peor rostro dunha patronal. De vender dereitos a despedir de...

CCOO, o peor rostro dunha patronal. De vender dereitos a despedir de maneira precaria

21

CCOO desactiva a súa empresa de formación FOREM e aniquila o seu cadro de persoal ao paraugas da reforma laboral. Nesta ocasión a representación sindical está a responder de maneira compacta.

 A semana pasada celebrábase a última reunión coa patronal FOREM que a pesares da indignación unitaria da representación dos traballadores e traballadoras non variou a decisión de expulsar a máis do 50% da plantilla con 20 días por ano, ao tempo que lle botan a chave ao centro de traballo de Lugo. Con doses de cinismo e cálculo mercantil o anuncio non sorprendía apenas: a decisión de CCOO é despedir a todos os traballadores e traballadoras do “arco baixo” con tarefas administrativas e de almacén para manter unha plantilla con tres contratos de dirección, catro responsables de centro e dúas técnicas e polo tanto, de despedir as obreiras e obreiros de base para manter con financiación pública os pesebres daquelas persoas de confianza e da pleitesía da coorporación sindical, reparíndose milleiros de euros por unha xestión absolutamente incompetente do negocio da formación. Na última xuntanza a CUT criticou a estratexia de agochar documentación relevante sobre salarios e cualificou de “lixo moral e sindical” a actitude demostrada pola empresa, denunciada reiteradamente por esta central polas súas prácticas de persecución e vulneración de dereitos da nosa delegada sindical María Díaz a quen a empresa tamén despedirá malia contar xa cunha sentenza de nulidade que obrigou á súa readmisión. Toda esta situación ten o seu debido correlato político-sindical. No ocaso do festín das subvencións públicas (a maior parte delas de formación) que enriqueceron as arcas das corporacións sindicais durante décadas, de cuxa xestión mesmo dubidan organismos como o Tribunal de Contas, estes aparatos burocráticos adoito ao servizo do pacto e a entrega á patronal están a acoitelar aos seus cadros de persoal con nocturnidade e aleivosía botando man de todas as ferramentas legais e estrataxemas empresariais que polo día din combater, na dirección de seguir a sacar tallada desta grande fraude á clase traballadora mediante a externalización dos servizos de formación.