O Réxime pretende ilegalizar o sindicalismo de clase mediante un Real Decreto

O Réxime pretende ilegalizar o sindicalismo de clase mediante un Real Decreto

12

O Goberno do PP, seguindo o ditado da Patronal e das políticas que emanan da Troika, está xa a traballar nun borrador de Real Decreto a través do cal será posible ilegalizar o sindicalismo de clase, é dicir, aquelas opcións sindicais coma a nosa que non acepta nin transixe co sistema nacido da Reforma Política franquista. Pode parecer alarmista o que estamos a dicir, pero é así. Aviso a navegantes.O borrador do R.D. que xa está en mans das distintas patronais para que fagan as achegas pertinentes, establece a posibilidade de suspensión ou disolución dunha organización sindical, cando “faga deixación da súa acción propiamente sindical”, entendida esta como a xestión acrítica e non socio-política, ou mesmo por negarse a entrar na concertación ou diálogo social. Case nada!
Ao Réxime, nesta nova etapa histórica de laminación dos dereitos laborais e civís, non lle interesa a existencia dun sindicalismo de clase que poña en evidencia a explotación patronal ou o propio Réxime. Queren “sindicatos” mansos e dóciles que lexitimen as súas políticas neoliberais.
Na mesma orientación do disparate xurídico coa intención de tutelar as forzas sindicais clasistas, este borrador de Real Decreto que sutilmente viría a desenvolver a L.O.L.S., establece criterios de control electrónico do rexistro dos estatutos das organizacións sindicais absolutamente atentatorios co dereito fundamental de liberdade sindical. Detrás disto virá a intervención fiscal dos sindicatos, e non precisamente para acabar coa corrupción nin cos sumidoiros das corporacións sindicais do Réxime.
Para o mes de xaneiro está previsto en Euskal Herria un encontro do todo arco sindical clasista, nacional e alternativo do Estado Español para analizar o calado de esta nova agresión ao sindicalismo de clase e os dereitos universais da clase traballadora.