Cut-Citroën: Como facer historia

Cut-Citroën: Como facer historia

17

Non existen ningunha clase de “Instrucións para facer historia”. No sindicalismo a maior parte das veces o traballo inxente de pequenas estruturas como a CUT vese a penas recompensado. O que está detrás destas siglas (malamente visíbel dende o exterior) non é pouco: son as vidas e as ilusións de moreas de traballadoras e traballadores anónimos, as súas mans a ergueren tixolo a tixolo unha alternativa en cada centro de traballo que lle poña fin a esta aboráxine. E non só, tamén nas rúas, nas folgas, nas mobilizacións e nos piquetes, nos fogares ou no desemprego se constrúen pequenas barricadas de dignidade que demandan un outro futuro para a clase traballadora do país. Outras veces, de sócato, a historia acontece. Léase PSA Peugeot Citroën.
O proceso electoral
Para a CUT, o de Citroën, foi un dos procesos electorais máis duros. Durante a campaña electoral os inimigos foron moitos, e ningún pequeno. As centrais sindicais “homologadas” tentaron dificultar ao traballo eliminando a propaganda e retirando de maneira salvaxe as pancartas do sindicato. Sempre, aquí, a historia non escrita: esa na que os compañeiros regresaban ao local sindical de Vigo a pintar outra volta as mesmas pancartas unha e outra vez. Os compañeiros a observar como en menos de dúas horas desaparecían das pontes. E novamente a chamárense entre eles, a constituíren un grupo aínda meirande e a facer máis e máis pancartas. A non darse nunca por derrotados.
A propia dirección da empresa excluíu á CUT do acto de Constitución da Mesa Electoral. Esta era a súa forma de agochar baixo da alfombra o calendario. Que prescribisen os prazos para as nosas reclamacións. Que perdésemos todas as nosas ferramentas de defensa. E, tal e como era previsíbel, a xornada electoral do pasado 3 de outubro nesta fábrica, a segunda en número de traballadoras e traballadores en Galiza, non podía transcorrer con normalidade. Durante unha noite e todo un día, máis de corenta compañeiros e compañeiras, ciscados polas corenta mesas electorais do centro, tiveron que facerlle fronte ás máis diversas provocacións da empresa, a través agora, do seu sindicato patronal SIC-FSI, coñecido na factoría como o “amarelo”.
Para quen non coñeza Citroën o terror sindical que se vive dentro pode asemellarlle unha ficción. Para quen coñecemos a factoría o noso esforzo durante toda a xornada estivo posto en evitar que os interventores amarelos fisalizasen as papeletas colocadas na mesa de voto visible, que é na que a empresa “recomendou” votar ao sector precarizado do persoal para “evitar problemas”. O berro da patronal era “eviten as cabinas!!!”. Levou toda unha noite conseguir que os responsables de supervisar o proceso electoral obrigasen a desprazarse a todos os amarelos fóra do campo de visión das papeletas. Levou toda unha noite de acendidas discusións, protestas, suspensións das votacións, etcétera, conseguir que se restaurase o dereito ao voto individual, libre e segredo na empresa. Ata ese momento foron moitas as reclamacións interpostas pola CUT, ata ese momento foron moitos os compañeiros que defenderon ata extenuarse os dereitos sindicais de todos os traballadores e traballadoras. Ata ese momento foron moito os quilómetros percorridos de mesa en mesa polos compañeiros de fóra da fábrica que asistiron legalmente á sección sindical na súa loita contra o pucheirazo. Parcialmente, conseguiuse. Parcialmente a dirección da empresa tivo a un sindicato nunha posición firme en fronte.
O sindicalismo alternativo facendo historia.
Dende o triste abandono dos paradigmas combativos inscritos no ADN do que outrora fóran as centrais precursoras da CIG, a loita por levar o sindicalismo alternativo novamente ao Comité de Empresa de Citroën vén de lonxe. Durante moitos procesos electorais pasados xaora a CUT e a CGT, xaora en moitas ocasións a propia CGT en solitario, tentaron “tomar por asalto” un órgano representativo blindado pola patronal. Moitas e moitos destas traballadoras e traballadores acabaron despedidos, sancionados, apartados ou mesmo por se xubilar sen ver cumprido o seu soño. Moitos e moitas delas marcharon polo seu propio pé da empresa. A batalla tamén fatiga.
É neste sentido que as eleccións sindicais en PSA Peugeot Citroën foron históricas. Porque colocaron a dous delegados, nun total de 33, cunha candidatura sindical baseada na combatividade de rúa e de centro, no asemblearismo e na transparencia. Porque malia o medo e a presión, traballadoras e traballadores apostaron con coraxe por xirar as dinámicas de entrega sindical. Porque a felicidade non era pouca, para os que están dentro da fábrica, e para as obreiras e obreiros que por un ou outro motivo marcharon e sentiron un paso colectivo na batalla pola dignidade. Por iso a nova non é que o sindicato amarelo renove, como historicamente fixo, a súa mairía, a nova é que hai dous compañeiros, Vitor e Eladio, que son cuña que o cadro de persoal quixo meter na fenda do monopolio sindical das grandes centrais e da empresa.
É neste sentido pois que a sección sindical da CUT na Citroën nos deu unha pequena lección de historia. Agora vén o difícil. Soster de maneira xenerosa e honesta a ilusión depositada nesta representación colectiva. Defender a nosa aposta, mobilizar a un cadro de persoal esclerotizado, comesto polo medo. Nesa tarefa andamos.
Mais dende a Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras, e dende a súa Sección Sindical en Citroën, non queremos perder a oportunidade de dicir: a todas e todos vós, grazas.