Escocia, o non e o si no referendo

Escocia, o non e o si no referendo

11

Os medios dixitais de todo o mundo, nunha cobertura inusual, reflicten exultantes o resultado do referendo celebrado en Escocia sobre a súa independencia. Aínda que, xa o día anterior, a estabilidade da moeda inglesa e da Bolsa londinense presaxiaban o resultado. Obviamente o interese desta noticia e o seu uso no estado español, está fora de dúbida, agora que o proceso catalán acada o seu punto álxido.Sería conveniente parármonos a analizar o resultado deste proceso nesta nación. É evidente que as súas claves van moitísimo máis alá do que din os medios burgueses, como non podería ser doutro xeito. Para a CUT o feito nacional é inherente a loita de clases, e polo tanto é o que explica a perspectiva clasista unida ó obxectivo de soberanía nacional. Para calquera demócrata, o simple feito de ver quen son os que se implicaron na campaña do non á independencia, tería que ser ben clarificador. Afirmamos que o pobo escocés maioritariamente é favorable a súa soberanía, máis a falta de pureza democrática na campaña que precedeu a consulta, fixo que oficialmente gañara o non.A versión oficial salienta groseiramente a gran cultura “democrática” e de “tolerancia” dos escoceses para referirse a participación nas votacións. É certo que o 84% de participación é un plus de lexitimidade á consulta, pero aínda así hai que destapar as claves que finalmente formatearon os resultados. É ben clarificador que o si á independencia arrasara nos sectores obreiros, na xuventude e nos sectores culturais de Glasgow, mentres que a enxurrada do non, asentárase nas zonas rurais e na cidade e colindantes de Aberdeen, enclave da industria petrolífera, cerne económico de Escocia.Se comparamos en clave formalmente democrática a actitude do goberno imperialista de Cameron, co de España, evidentemente gana o primeiro por goleada. Pero as claves de intoxicación e manipulación para cativar o voto do non, foron máis que evidentes. Aínda sendo unha sinatura de orde interna para a UE, non houbo presidente europeo que non se manifestara verbo do Referendo escocés, obviamente para asustar o pobo e recomendar o non. Non hai que esquecer o discurso chantaxista das empresas petroleiras, ó respecto do abandono de Aberdeen, etc.Para calquera persoa que analice cos datos na man o fenómeno escocés, non lle debe de quedar a menor dúbida, que a decisión do pobo foi a de decidir os seus destino e máis pronto que tarde, Escocia será unha nación libre. Desde a CUT manifestamos a nosa solidariedade nacional e de clase co pobo escocés.