O sindicalismo compostelán chama a pórlle freo ao desafiuzamento da familia...

O sindicalismo compostelán chama a pórlle freo ao desafiuzamento da familia de Aríns

11

Comunicado conxunto da CUT, a CNT e a CIG:A tráxica dimensión dos desafiuzamentos, que se atopan entre as máximas expresións da depredación económica e da inxustiza social, con funestas consecuencias emocionais e materiais para o conxunto da clase traballadora, condúcenos a adoptar unha posición conxunta e de emerxencia.

Baixo ningunha condición é xustificable que se perpetúe o xogo da especulación coa vivenda das traballadoras e traballadores. A vivenda é un ben básico universal. Ningún título, ningún compromiso, ningunha débeda e dende logo, ningunha estratexia lucrativa, son xustificación abonda para expropiar o teito dos traballadores e traballadoras e condenar así a familias enteiras a unha situación extrema de desamparo.Solidarizámonos plenamente coa familia de Carlos e María, veciños de Aríns, pola situación de inseguridade na que viven, cando xa van pola terceira ameaza xudicial de expulsión do seu propio fogar. É incalculábel o sufrimento dunha familia obreira diante deste tipo de ameazas, e por iso as centrais sindicais nos comprometemos a contribuír no que poidamos á inmediata solución desta situación, coas nosas principais ferramentas, a loita e a solidariedade.Denunciamos a falta absoluta de sensibilidade por parte dos Xulgados do Civil de Compostela, que conscientes, como o é o conxunto da poboación da comarca, da gravidade dos feitos acontecidos con esta familia e tamén así da denuncia penal por estafa que formalizaron contra o prestamista responsable, pretendan executar o desafuizamento. Por iso tamén poremos en coñecemento deste xulgado a absoluta indignación das centrais sindicais con esta actitude.Finalmente as centrais sindicais CIG, CUT e CNT chamamos á clase traballadora Compostelá a facerlle fronte ao desafiuzamento da familia de Aríns, que o Xulgado volverá a tentar o vindeiro 19 de setembro. Secundaremos a convocatoria de Stop Desafiuzamentos coa convicción de que entre todas e todos este desafiuzamento, ímolo parar.

Compostela, 17 de setembro do 2014.