Pescanova: o raposo coida das galiñas

Pescanova: o raposo coida das galiñas

17

O pasado 17 de xullo, o Xulgado Mercantil nº1 de Pontevedra declarou o concurso voluntario de acreedores na empresa Frivipesca Chapela, S.A. do Grupo Pescanova. Un novo capítulo no rosario de medidas para, na óptica capitalista e empresarial, “salvar a empresa”. Como era de esperar o mesmo xulgado nomea como Administrador Concursal á empresa Deloitte Advisory, S.L., ate agora fontaneiros xudiciais no proceso seguido no maior latrocinio empresarial da historia de Galicia.

Falando de Deloitte, acábase de facer público que cobrou 3,5 millóns de euros por un ano de traballo na administración concursal no grupo intervido. Concretamente polo periodo que vai de abril de 2013 a maio de 2014. Isto é un verdadeiro escándalo. Como ven a publicar “La Voz de Galicia”, esta cantidade ven suponer un millón máis do que cobrou toda a plantilla do grupo, no mesmo periodo de tempo.Cando,  na lóxica patronal, Deloitte e outras herbas, incluídos os capataces sindicais, falan de “salvar a viabilidade do grupo”, obviamente están a falar da arquitectura das empresas do grupo, é dicir, blindar a estrutura organizativa e salarial da dirección seguindo o esquema que desembocou nesta ruína. Obviamente non  se refiren aos postos de traballo nin aos dereitos inherentes aos mesmos; porque esta mesma lóxica patronal nunca tivo nin vai ter en conta aos traballadores e traballadoras, que co seu suor foron quen de levantar a empresa, ademáis das subvencións públicas millonarias a Fernández de Sousa e Cia.Desde a CUT, levámolo dicindo, unha e outra vez, no último ano. A salvación capitalista do Grupo Pescanova, vai pasar indefectiblemente polo adelgazamento do entramado empresarial, enténdase a liquidación de nichos ou empresas “non rendíbels”, e non a liquidación de parásitos da alta dirección e tramos intermedios. Salvar Pescanova na lóxica capitalista, é falar de ETTs, de externalización da produción, de EREs e máis Eres. Só o cuestionamento sindical frontal desta barbarie poderá salvar os dereitos dos e das traballadoras.