21 de xuño, rodea o Parlamento

21 de xuño, rodea o Parlamento

9

O poder financeiro provocou unha crise social, e económica, que deu lugar a que o noso país sufra uns niveis de paro e miseria que fan que unha gran parte da súa poboación non consiga alcanzar unhas condicións de vida minimamente dignas. Mentres isto acontece, os poderes políticos actúan como sicarios ao seu servizo, en vez de defender ás persoas que están a ser as vítimas desta gran estafa. As súas explicacións non son máis ca escusas para aplicar medidas que favorecen á mafia financeira, no canto de loitar contra ela para que a ninguén lle falte pan, traballo e teito.
O parlamento galego e os demais parlamentos de todo o estado español foron secuestrados por esta mafia e, coa colaboración necesaria dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE, están a roubar o que é do pobo para entregarllo ás grandes empresas, as mesas nas que han traballar ao remate do seu mandato, as mesmas que favoreceron cando gobernaban. Os parlamentos do estado non están a representar ás persoas, non fan o labor de representar a vontade popular que teñen encomendado, só serven os intereses do poder económico. É hora de devolverlle o poder ao pobo, é tempo de recuperar o que é noso.
Ninguén lexitimou ós partidos que gobernan para entregarlle aos bancos preto de douscentos mil millóns de euros, ninguén lexitimou o goberno para que permita que se desafiúcen as familias mentres os bancos dispoñen de milleiros de vivendas baleiras, ninguén lles autorizou a converter en pública unha débeda que era privada, ninguén autorizou o goberno para que siga as indicacións da Troika e ninguén autorizou un tratado de libre comercio entre Estados Unidos e Europa que será un dos maiores ataques á democracia en toda a súa historia. Nin se queira nos deixarán elixir se queremos ese tratado que se está a negocias de costas ó pobo. Cando o parlamento non cumpre a súa función, carece de calquera lexitimidade.No Parlamento Galego con nocturnidade e aleivosía, privatízanse servizos públicos esenciais, como sanidade e educación. Péchanse camas en hospitais, reducen persoal docente no ensino, estragan cartos públicos en obras inútiles, atacan a nosa lingua e, en definitiva, tómanse decisións que levan as persoas a unha situación de miseria. As leis que fai no parlamento o Partido Popular, e tamén antes o PSdG, non pretenden resolver os problemas do pobo, só buscan favorecer as grandes empresas aínda que sexa a costa da vida digna das persoas. Un goberno que permite que a súa poboación pase penurias, non é lexítimo e o pobo ten dereito a rebelarse contra el, tal e como di a Declaración Universal de Dereitos Humanos.
Tampouco nos dan respostas sobre o futuro que nos agarda. Se a única saída para ese 57% da nosa xuventude no paro é a emigración, se os nosos traballadores teñen que subsistir e soportar un 10% de baixadas salariais de media e aceptaren calquera tipo de condicións laborais, ou se a recuperación pasa por eses datos do paro que mostran que o emprego que se creará será temporal e precario, entón non só nos abandonaron senón que tamén nos condenaron. Déixannos sen traballo, sen casa, sen sanidade, sen pensións, sen estudos, sen futuro, sen vida! E non podemos nin debemos consentilo.
Por iso a Plataforma Galega das Marchas da Dignidade está hoxe aquí, porque queremos simbolizar que o Parlamento Galego non está a representar ó pobo e o pobo vén a rodealo, porque nos pertence, porque é noso e tamén nolo están a roubar. Loitamos polos nosos dereitos, e seguiremos a loitar mentres non consigamos cambiar un sistema inxusto e antidemocrático e devolver o poder ás persoas, sometendo o poder político á vontade popular. Loitaremos por ter pan, traballo e teito para o noso país.
PAN, TRABALLO E TEITO