A xustiza española, ao servizo do español

A xustiza española, ao servizo do español

6

Imaxinemos un escenario hipotético no que a lingua española estivera ameazada pola competencia do inglés ou do alemán, cousa que non está lonxe de ocorrer, por certo, nalgúns casos (Canarias e Mallorca), e unha manifestación de inglés ou alemán falantes solicitase permiso para se manifestar polas principais rúas Palma de Mallorca e Santa Cruz de Tenerife esixindo os seus dereitos lingüísticos. Mellor aínda, pensemos que solicitan á subdelegación do goberno de Madrid de Cristina Cifuentes permiso para se manifestar pola Castellana, que acontecería? O escándalo sería inmenso. Os medios madrileños non poderían sequera concibir semellante ofensa á dignidade patria e á integridade cultural do seu país, aparecerían consignas descoñecidas ata ese momento tipo: “En España, en español”, ou “Queremos vivir en español!”. Convocaríase de inmediato unha contramanifestación á que acudirían en masa todos os madrileños enchidos de lexítima indignación portando bandeiras vermellas e amarelas ante a ousada tentativa de conculcación dos seus dereitos lingüísticos. A manifestación non sería, por suposto, autorizada en ningún caso.
Pois ben, isto foi exactamente o que aconteceu o noso país o 8 de febreiro de 2009: unha manifestación inzada de elementos da ultradereita española chegada en ducias de autobuses fretados, moi probablemente, con cartos públicos, percorreu as rúas de Compostela esixindo o seu dereito a proseguir co exterminio da única lingua propia de Galicia: o galego. Ante esta situación, e visto que non era posible solicitar unha contramanifestación que poría de manifesto a indignación masiva dos galegos ante semellante aldraxe, unha ducia de activistas maniféstanse de xeito pacífico nas rúas declarando o obvio: que en Galicia só hai unha lingua ameazada, perseguida e minorizada, o galego.
Estes doces activistas están a ser xulgados agora mesmo por estes feitos por unha xustiza española que volve amosar a súa verdadeira faciana: a de ser un mero aparato represivo ao servizo da burguesía española e da súa longa e fracasada tentativa imperialista sobre o pobo galego.
Por esta razón, desde a CUT esiximos retirada completa dos cargos contra os doce encausados e esiximos, unha vez máis, o noso dereito a vivirmos no noso país na única lingua que nos é propia: o galego.