A CUT demanda a Dirección da CRTVG

A CUT demanda a Dirección da CRTVG

15

“A Dirección da CRTVG condénanos a volver á Idade Media tanto profesionalmente como en dereitos sindicais”.
A CUT presentou esta mañá a demanda contra a Compañía Radiotelevisión de Galiza pola Resolución da Dirección Xeral que instaura o autoritarismo nas relacións laborais e limita gravemente os dereitos das profesionais da información.Esta mañá a Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) presentaba publicamente a demanda de conflito colectivo contra a CRTVG interposta no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ao fío da Resolución do 10 de xaneiro do Director Xeral do ente público, que se formula como un exercicio abusivo do control empresarial, dotando de capacidade á Dirección para intervir as comunicacións das traballadoras e traballadores e que veta ao tempo o acceso ao recinto cos dispositivos electrónicos habituais como ferramenta de traballo neste centro público.Esta resolución vulnera dende a óptica da asesoría xurídica da CUT os dereitos de liberdade sindical, liberdade de prensa, segredo profesional, confidencialidade das fontes de información, segredo das comunicacións, dereito de intimidade, e concordantes; ademais de vulnerar as funcións convencionalmente atribuídas ao Comité de empresa.“Mais é imposíbel falar desta Resolución sen contextualizala” asegura Raquel Lema Astray, responsábel da CUT neste medio, “pois non é gratuíta a súa publicación. Estamos a sufrir unha estratexia de manipulación e silenciamento por parte da Dirección de todas as voces disidentes”. Para Raquel Lema, “esta Resolución non se podería entender sen as previas mostras de altura moral e xenerosidade dun persoal compometido en denuncias públicas como as que se están a realizar dende iniciativas como o blogue “EUNONMANIPULO” dunha política sistemática de manipulación informativa que xa fede”.Segundo a traballadora do medio “hai varias formas de exercer a facultade de control que unha empresa ten, mais neste caso trátase de impoñer a voz única do Director Xeral e facer valer o seu control férreo sobre o medio, xa sexa estendendo sospeitas sobre todo o persoal ou establecendo un réxime de terror no que as pautas contidas na Resolución están redactadas dunha maneira tan ambigua que provocan pánico a posíbeis sancións entre o cadro de persoal. Isto, e non outra cousa, é o autoritarismo empresarial”.Resúmese ao seu ver, “nunha volta á Idade Media para todos os traballadores e traballadoras: por unha parte impídese o acceso coas súas ferramentas propias de traballo e pola outra intervéñense todas as súas comunicacións, desvelando aos ollos da empresa toda a súa actividade sindical e profesional”. Pregúntase “¿quen pode, por exemplo, confiar nunha xornalista do medio para realizar unha denuncia de corrupción política confidencial e contrastada en calquera calquera Concello do PP cando todas as súas comunicacións están á vista de Dirección Xeral, principal adalide do partido no Goberno neste centro de traballo?”.A CUT considera un imperativo ético, como central maioritaria na CRTVG e sindicato que ostenta a Presidencia do Comité interempresas, defender alí onde for os dereitos das traballadoras e traballadores que confiaron nesta central sindical. É por iso, que anuncian “haberá que chegar até onde haxa que chegar con esta demanda, o noso compromiso ético-sindical é este, non nos importa quen se poña en fronte, nós xa demos o noso paso adiante”.