1000 palabras para Amador e Daniel

1000 palabras para Amador e Daniel

7

Na tarde de onte, no barrio obreiro do Calvario, en Vigo, transcorría a homenaxe aos obreiros Amador e Daniel, mais non só. A CUT organizaba no Día da Clase Obreira Galega unha homenaxe a todas as obreiras e todos os obreiros que de maneira anónima e mesmo invisibilizada viñeron e veñen impulsando ao longo da nosa historia a roda dentada da dignidade obreira.Fronte aos grandes relatos da historia do movemento obreiro galego, amoreadas de nomes de líderes, a CUT botábase a escribir así o noso pasado e o noso presente dunha maneira diferenciada: sen as traballadoras e traballadores do común, sen as persoas que resisten diariamente nos seus centros de traballo, que espallan a dignidade e solidariedade obreira como ferramentas primarias, que xeran xermolos de disidencia e seccións sindicais, non sería posíbel hoxe por hoxe sequera soñar a liberdade.Por iso tomaba a palabra Hortensia Salvado, traballadora da limpeza na Universidade compostelá, para lembrar algo tan actual, tan necesario: “as mulleres estamos cada vez peor, e agora Gallardón quérenos poñer a parir”. Algo tan actual como as agresións do Capital sobre o corpo das traballadoras con pretendidas “reformas” como a da Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo. Algo tan actual tamén como a dificultade das obreiras para conciliar as súas xornadas laborais e o coidados, lembrando a dureza de combinar un traballo a xornada completa nunha empresa da limpeza mentres alternaba isto co coidado da súa nai e dos seus dous fillos.Pola súa banda, Rafael, traballador do Naval vigués, daba a súa visión propia dun 1972 que viviu con 15 anos. Daba un recordo emotivo dunha revolta obreira da que tamén advertía “tivo moitos custos”. Presentaba así a historia de traballadores de Citroën, participantes das mobilizacións, que foran despedidos durante aquel período de conflito. E mesmo daqueles outros que sen seren despedidos, abandonaron os seus postos de traballo diante da sensación de soidade e derrota sindical, ao vérense sós, sen os seus de sempre camaradas e compañeiros, no seu centro de traballo.A traizón sindical por parte das grandes centrais á idea da revolta obreira e da ruptura democrática tivo unha importante presenza na súa intervención. Chea de xenreira e indignación cun pasado e un presente nos que estes parasindicatos fan a función de bombeiros da grande patronal e das súas administración.Continuaba Severino, traballador da Citroën xubilado, en presenza doutras traballadores e traballadoras dunha sección sindical, a da CUT, da que el mesmo se responsabilizou na multinacional de automóbiles. Este compañeiro e activo militante da CUT púñalle voz a un poema de Darío Xohán Cabana sobre os feitos do 1972.Concluía Cris Branco, traballadora da hostalería e Secretaria Comarcal de Vigo da CUT, afirmando así a nosa vontade colectiva: “Hoxe estamos aquí porque manter a memoria viva é parte da importante da nosa loita, pois non esquecemos quen somos e como chegamos ata aquí. Non nos regalaron nada nin o van facer, e 42 anos despois a represión continúa. Converteron as metralletas en leis e reformas, que matan os dereitos e a liberdade e nos condenan á fame e á escravitude, mais a loita por ter cubertas as necesidades básicas para unha vida digna segue máis viva do que nunca”.Se queres consultar unha galería de imaxes do acto de onte, podes facelo aquí.