Volve o golpismo a Venezuela

Volve o golpismo a Venezuela

9

Sabiamos que a dereita venezolana non ía aceptar a vontade popular emanada das urnas o ano pasado que certificou a continuidade no poder do chavismo vía Maduro, e que moito menos ía respectar o resultado das últimas eleccións municipais nas que foron derrotados por máis de dez puntos.
A nova estratexia da dereita, estámolo a ver tamén estes días en Ucraína, é a de promover pseudo-insurreccións populares co fin de gañar a simpatía dunha opinión pública internacional convenientemente intoxicada desde os oligopolios informativos imperiais.O malo é que son uns pésimos imitadores. Por unha parte, as súas campañas de desinformación son tan groseiras, con imaxes roubadas doutras loitas e mesmo do cine, que son incapaces de conquistar a máis mínima confianza dun público cada vez máis desafecto á versión dos feitos fornecida polos medios do réxime. Pola outra, é cada vez máis evidente que os chamados “estudantes” venezolanos están capitaneados por elementos de extrema-dereita armados e dispostos a facer uso da forza á máis mínima oportunidade.A dereita sudamericana, vímolo tamén en Honduras con aquel golpe de estado contra Manuel Zelaya que tan axiña desapareceu dos titulares da prensa, é xeneticamente fascista, o poder perténcelles por dereito divino e non son quen de cedelo nin cando o perden xogando coas súas propias regras.Porén, o exército venezolano, xa o demostrou varias veces, é leal ao proceso revolucionario en curso en Venezuela, está da parte do pobo, e non desa alta burguesía caraqueña con segunda residencia en Miami que tampouco desta vez vai ver cumpridas as súas arelas reaccionarias.Vivimos tempos prerrevolucionarios, ben o sabe o Imperio. O exemplo de Venezuela,as vinte eleccións gañadas unha detrás da outra por Chávez, estableceron un novo paradigma para a esquerda impensable desde a desfeita de Allende: a posibilidade dun acceso democrático ao poder. Desde alí pasou a Ecuador, Bolivia, e logo a Uruguay, Arxentina. O perigo dun contaxio transatlántico é a maior das preocupacións imperiais hoxe en día.Por iso estamos con Venezuela, porque estamos no mesmo bando, loitando a mesma loita, porque a súa derrota tería uns efectos terribles para a esquerda mundial, e a súa resistencia é tamén a nosa.

Alberto Lema