A sangría que non cesa: Máis de 160.000 traballadores perderon o emprego...

A sangría que non cesa: Máis de 160.000 traballadores perderon o emprego en cinco anos

6

Os gobernos galegos pasaron tres anos congratulándose de que Galicia resistía mellor a crise. Mellor en comparación con España, claro. Un relativismo centralista que levaba a comparar o PIB galego e o español para saír gañando, pero que obviaba a velocidade ca que se dexeneraban, máis rápido aínda ca en España, outros indicadores económicos como as suspensión de pagos, que xa en novembro de 2008 se dispararan un 150%, ou a recadación do imposto de sociedades, cunha baixa interanual do 65% que triplicaba á española. Por entón, as enquisas de poboación activa (EPA) do INE contaban 112.400 parados e a Emilio Pérez Touriño aínda lle gustaba repetir o do “plus de resistencia” que tiña Galicia fronte ao Estado español. A cifra fora empeorando durante o ano, que comezara con 108.400 persoas no paro, pero aínda era semellante aos números que se manexaban a comezos de 2007, con 112.600. Dende entón, a factura foi subindo sen descanso e Galicia duplica agora con moita soltura o número de parados: 164.700 persoas máis buscan agora un emprego, até chegar ao total de 277.100 que reflicten os datos do terceiro trimestre de 2013 da EPA.A Consellería de Facenda de Feijóo celebraba en 2009 a cualificación de AA que un informe de Standard & Poor’s, cando para o PP aínda non eran os malos, concedía a Galicia coas dúas frases envelenadas: “Galicia mantén unha boa posición se se compara co resto de España” e a de que “está resistindo mellor a crise que o resto do Estado”. A Feijóo non lle tremeu nunca a voz para dicir que a súa política de recortes orzamentario e as conseguintes reducións de dereitos sociais e laborais eran un espello “para todas as comunidades”, ao tempo que se esforzaba en labrarse a imaxe de xestor eficiente á costa de suprimir e recortar. Esas bondades, porén, non lle serviron para frear un dos problemas da crise, que xa non é tan do ladrillo, como empezou a soar, nin tan económica, como aínda se di, senón de sistema. O presidente da Xunta comezou a gobernar con 162.700 parados e cinco anos despois suma 114.400 máis. Polo camiño, chegou a afirmar que o Goberno galego non tiña “case competencias” para loitar contra o paro en 2010, o ano en que Galicia era onde máis crecía o desemprego, un 20,9% respecto ao ano anterior, do Estado español. En 2011 subía nun 18,1%. E nun 7,96% o pasado ano.Tamén un actor económico fundamental destes últimos anos que a mediados de 2011 se chamaba Novacaixagalicia insistía no seu informe anual da economía galega dese ano que Galicia tiña número máis optimistas que España para saír da crise, pese a que a taxa do paro entón superaba o 15%.Dende comezos do ano 2008 até agora a taxa de paro pasou do 8,35% ao 21,59%, un aumento de máis de 13 puntos, pero, ademais das cifras globais, os números mostran outras realidades como o empobrecemento da poboación, a inestabilidade e a precariedade na contratación, o número de casas nas que non entra ningún ingreso mensual ou como, pese a que os gobernos galego e estatal insisten en repetir que as súas políticas se dirixen a colectivos sensibles ou desfavorecidos, o paro cébase nas mulleres, na xente nova e nos maiores de 45 anos.Os desempregados que levan dous anos ou máis sen atopar un traballo eran no outono de 2008 15.100, mentres que na mesma estación de 2013 suman xa 97.400. Isto supón un incremento do 545% das persoas no paro que xa terían cobrado o máximo de dous anos de prestación por desemprego e, mesmo, os subsidios posteriores. Pero os datos revelan tamén que moitos dos traballadores que se quedaron sen emprego nos últimos dous anos non puideron volver ao panorama laboral. Se no terceiro trimestre de 2008 eran 12.900 as persoas que levaban no paro máis dun ano pero menos de dous, agora a cifra ascende a 60.100, que ou xa engrosaron a cifra de persoas sen ingresos ou o farán no próximo ano. Por iso, a ralentización do aumento do paro nos dous últimos anos -que non amaina, aínda que creza máis a modo- será unha enganosa boa noticia até que non diminúan os traballadores parados de longa duración, aos que quedan desprotexidos de toda política social. Así, en Galicia hai 31.400 fogares ou unidades de convivencia nos que non entra ningún ingreso, mentres que no terceiro trimestre de 2009 -o dato máis antigo que o Instituto Galego de Estatística ten no seu web- se rexistraban 19.000 casos. O país ten xa 89.200 fogares nos que todos os membros activos están no paro. Entre os riscos sociais que comportan estas situacións está a dos nenos que viven en fogares sen ingresos, que case se duplicou entre 2009 e 2012.Nos anos da crise, o grupo de idade que más sufriu o paro foi o amplo marxe que recolle o INE entre os 25 e os 45 anos, que pasaron de ser 77.000 a finais de 2008 a 209.200 neste momento. E se apenas eran 7.000 as persoas que non atopaban traballo e superaban os 45 anos hai cinco anos, agora a cifra aumenta até os 30.100.

 Publiicado orixinalmente en O Xornal 13 por María Pampín