Espindo os datos de emprego en Galicia

Espindo os datos de emprego en Galicia

10

Cando comeza un novo ano, como é o caso, adoita ser o momento das valoracións e das cifras. Os gabinetes de estudos, os centros de prensa dos estamentos oficiais, esfórzanse en maquillar eses mesmos datos e cifras, antes de presentarllos ao gran público, loxicamente cunha interpretación en positivo. En definitiva, do que se trata e de fabricar un universo virtual á medida dos intereses do poder. É como é normal, os medios acaban reflectindo esas mesmas valoracións, sen grande esforzo analítico e moito menos crítico.Falando dos datos do paro en Galicia, todos coinciden en dar unha sensación de “melloría relativa”, total só se incrementou en 209 a cifra de desempregad@s, segundo o informe do INEM do mes de decembro de 2013. A este dato habería que engadir, que a diferenza da tendencia negativa do País, a nivel de estado a taxa de desemprego diminuíu en 107.570 persoas ou o que significa o 2´24%. Xa teñen o dato para alimentar a teses dos chamados “brotes verdes”.
Sería dramático desde o sindicalismo ou desde a óptica da clase traballadora, caer no esquema de análise do Goberno. E isto non por manter unha actitude de crítica preventiva ante todo o que proceda do goberno da patronal, o que acontece máis ben é que datos do emprego e do desemprego non se poden desvincular da dinámica económica en xeral. Os datos xamais son planos e estáticos, máis ben están relacionados con factores dinámicos.
No caso galego sería importante subliñar a redución de afiliad@s á Seguridade Social, concretamente 12.757 afiliad@s menos no ano 2013. Ou o desangre migratorio da nosa xuventude, onde preto de 30 mil persoas tiveron que buscar traballo fóra. Tampouco se fala nestas valoracións do número de EREs actualmente en vigor, nin moito menos da calidade do emprego, ou da baixa xeneralizada dos salarios.
Sería un erro moi grave, como dixemos, para os traballador@s con conciencia de clase, caer na trampa de valorar o que sucede en Galicia no Mundo seguindo a interpretación dos datos obxectivos que nos ofrece o noso inimigo de clase. A metodoloxía de análise da nosa clase deberá conter e ter en conta todos aqueles factores estatísticos, económicos, sociais e lexislativos precisos para non sermos seducidos polo espellismo fabricado por quen nos explota.