O estado español avanza cara ao fascismo

O estado español avanza cara ao fascismo

7

Xa vén sendo habitual desde fai anos, a presenza de gardas de seguridade, como responsables da vixilancia nas empresas. Fai tan só quince días, @s traballador@s que acudimos a Conservas A. Alonso para apoiar a convocatoria de Folga, presenciamos unha barreira destes gardas de seguridade por dentro do portal da fábrica, mentres o piquete do Marqués de Ahumada facía as mesmas tarefas pola parte de fóra. O capitalismo a través dos seus criados e xestores nos gobernos, conscientes do crítico momento histórico que estamos a vivir, decidiu afortalar o aparato represivo do estado como un instrumento de control dunha clase sobre outra. Isto, como se ten afirmado desde a CUT, maniféstase en distintos proxectos lexislativos, que van desde a Lei Wert, á modificación do Código Penal, pasando pola actualización da Lei de Protección da Seguridade Cidadán do PSOE, ou pola modificación da Lei de Folga, coa intención de prohibila na práctica. Ao tempo.
Se a chamada Lei Corcuera foi no seu día unha verdadeira manobra represiva dos dereitos d@s traballador@, a súa modificación, actualmente en proxecto, de levarse a cabo viría incluso a empeorar dereitos existentes desde hai corenta anos, con Franco aínda vivo. Pero ollo!, detrás do impulso desta barbaridade non so está o PP. Non hai que esquecer que ademais do PSOE, que agora trata de aparentar ou escenificar, unha suposta oposición ó proxecto, e que foron os que crearon as bases deste instrumento fascistoide, está tamén o PNV, CIU e UPyD.
Os lacaios do capital, pretenden darlle ás empresas de seguridade privada e por extensión, @s seus membros, capacidade de actuación ilimitada, chegando esta mesmo á detención dos disidentes se procedera. É obvio que podemos falar xa, da lexitimación e da legalización dunha estrutura parapolicial. Estamos a referirnos a Galicia, ao Estado español, non falamos de Colombia ou de Guatemala.
O proxecto lexislativo citado de “Seguridade Privada”, como ten afirmado o profesor Alberto Rojas, “impón a terceirización de funcións públicas nas forzas armadas estatais, tendencia netamente antidemocrática patrocinada polos centros militares e económicos de occidente”. É dicir, “faise rendible economicamente a represión á vez que se rendibiliza, facéndoa máis brutal”. Na práctica, xa temos rehabilitado un novo Somatén, figura represiva que se extinguira ca restauración borbónica, contra o final dos anos setenta.
Fai tamén uns días, o colectivo de militares democráticos e republicanos, Anemoi, facía unha denuncia pública onde se afirmaba que o PP tamén camiña para reformar o Código Penal Militar. Tamén aquí hai que amordazar a posible disidencia do Réxime Borbónico. É evidente, que de xeito paralelo ó desdobramento da represión policial, dos corpos de seguridade privada, a axenda do PP edos partidos que o acompañan, prevé tamén a creación dunha batería de prohibicións cuxo propósito expreso é a anulación dos dereitos civís máis elementais.
Mostras do que estamos a afirmar, témolo nas seguintes pautas derivadas do proxecto de Lei de Protección da Seguridade Cidadán. Castigo ás concentracións ou manifestacións non comunicadas á “autoridade”. O escarmento a maiores e en iguais circunstancias, cando as concentracións sexan en “lugares estratéxicos” como comunicacións ou xeradores de enerxía. O establecemento de perímetros policiais inviolables. A sanción dos escraches, a sanción por manifestarse “con atuendos dificultantes do establecemento da identidade”. A prohibición da obtención de “probas fílmicas” dos abusos policiais. Etc.
Toda esta batería de medidas que preve o proxecto lei, ten como destinatarí@s @s traballador@s. A súa finalidade está ben clara, amordazar a lexítima discrepancia e disidencia coa lóxica do poder. O PP e amigos, saben perfectamente que na conxuntura e no futuro inmediato, non hai saída. Como consecuencia hai que perfeccionar e actualizar os mecanismos de represión. Como temos manifestado desde a CUT, isto só ten un nome: fascismo.