Entrevista a Rakel Lema, secretaria comarcal da CUT en Compostela

Entrevista a Rakel Lema, secretaria comarcal da CUT en Compostela

21

Raquel Beatriz Lema Astray (1972, Bos Aires) traballa dende o 1996 como redactora na Compañía Radio Televisión de Galiza (CRTVG), empresa na que constituíu onda outras compañeiras e compañeiros a Sección Sindical da CUT que lle deu a Presidencia do Comité Interempresas do medio público, cargo que ostenta dende xuño do 2011.Bo día, Raquel. Que valoración fas da situación actual desde o punto de vista da clase obreira galega?
A situación é catastrófica. O capital está a aproveitar esta estafa que chaman crise para recuperar e ata superar o nivel de beneficios anterior a costa das nosas vidas. Desmantelan sectores enteiros aducindo que non son competitivos, desregulan as relacións laborais tildándoas de ríxidas, despídennos gratis por centos grazas ás reformas do estatuto que impuxeron, báixannos salarios e pensións e quítannos as prestacións básicas daquel estado do benestar. É unha ofensiva global, brutal, perfectamente planeada que pretende converternos nun exército de escravos e escravas. Galicia, nisto, acho que non é sitio distinto.Aumentas aínda máis o teu compromiso coa loita obreira no momento de maior violencia de ofensiva do Capital e do Estado contra a nosa clase, como pensas que podemos organizar a nosa resposta?
O compromiso é o de sempre; é a rabia a que é maior. A resposta xa sabemos tamén cal é: a loita obreira. Estamos a ver algúns exemplos de organización, solidariedade e resistencia que marcan, agora como antes, o camiño, que só pode ser o da confrontación. Está en xogo o seu sistema e farán todo o necesario para o salvar. Só temos que tomar conciencia de que nós somos máis e de que, unidos e unidas, podemos voltear a pirámide e tomar o control dunha nave que están conducindo ao precipicio. As vidas que se perden son as nosas e non o imos consentir.A recente descoberta dun caso de corrupción masiva en UGT vén a constatar o que xa sabiamos: a podremia xeral das cúpulas das organizacións sindicais sistémicas. Ante esta evidencia, pensas que un sindicato de clase e non subvencionado coma o noso ten unha boa perspectiva para medrar? En tal caso, como poderiamos acadalo?
Sinceramente, non quixera que a CUT medrara a costa das miserias alleas. En realidade lamento a situación da UGT, lamento que se convertese nunha máquina burocratizada e sometida e, á vista das novas que van saíndo, cega e xorda. A CUT é un espazo moi distinto, con valores e dinámicas moi distintas; iso é o que ten que atraer ás obreiras e aos obreiros que procuren un acubillo e un vehículo para a loita. O asemblearismo e a combatividade, sinais de identidade da CUT, convencen en cantos os probas. Só é preciso que saiban que estamos aquí, que se acheguen ao proxecto.A lei contra o aborto de Gallardón amosa unha conxunción macabra entre os intereses do Capital neoliberal e a Igrexa Católica, ante esta regresión nos dereitos das mulleres a decidiren sobre o seu propio futuro, que papel debe ter o noso sindicato?
O único posible, o combate. Aínda non podo crer que se atrevan a sacar esta lei adiante e, se o fan, estou convencida de que será a tumba deste goberno. As mulleres, e non só, que hai moitos homes igualmente posicionados, temos nas nosas mans un poder inmenso que deriva dun feito que eles parece que aínda non valoran: somos máis da metade da poboación. Con esa premisa, ningunha lei que agreda ás mulleres terá percorrido. Acabaremos con ela se a sacan, porque acabaremos con este goberno. Ese é o noso poder, que tamén é o poder do sindicato. A Executiva Comarcal da CUT en Compostela está formada por Raquel Lema, María Fidalgo, Manuel Tejo, Xosé Manuel Caneda, Leonardo Da Cruz, Claudia Fidalgo e Brais González.