O día que todas nacimos

O día que todas nacimos

11

O día 8 de outubro, a cidadanía da Coruña detivo o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés. O día 27 de novembro, mes e medio despois, cun desleixo que roza o insulto e confirma a irresponsabilidade das institucións que pagamos uns moitos e que son a leira duns poucos (da igual a “cor” política) Elisabeth Sanlés está na rúa, sen solución, sen teito e coa ameaza real de perder aos seus fillos. Non hai cartos pra comezar a xestionar unha renda básica, pero si os hai para militarizar un barrio e facer efectiva a infamia vivencial mal chamada lei. Non hai cartos pra prover dun dereito básico como a vivenda, pero si os hai pra nacionalizar pisos de bancos e vendelos a fondos de inversión.

Dende as 07:00h da mañá ate as 15:00h asistimos ao espectáculo de como o estado se amosa implacable na execución directa da lei do poder, e parsimonioso na defensa dos seus habitantes. Un aviso de desafiuzamento con 12 horas de antelación, un dispositivo policial desmedido e totalmente fora de lugar que militariza a periferia do barrio do Castrillón. Convertendo a pobreza e a súa loita nun signo de perigo e vergoña allea que é mellor invisibilizar. A detención de 6 activistas que loitan por defender e conquistar o que os poderes non poden nin queren garantir; coma é o dereito á vivenda alén da lóxica capitalista propietarista. A expulsión sen solución de Elisabeth á rúa, namentres entre risas e vítores os seus executores festexan o “cumprimento da lei”. As institucións políticas, calan e baixan a cabeza, que só erguen para criminalizar aos pobres.A corda sempre racha pola parte máis débil. E nesta ocasión, fíxose anacos. Logo de meses loitando por unha solución que fora o camiño a seguir para máis familias na mesma situación, léase ésta como desemprego, falta de ingresos, necesidades básicas non cubertas. A resposta non foi outra que a indiferenza, e o que sabiamente Max Webber chama a “gaiola de ferro”; entendida coma o control da burocracia, o labirinto administrativo que encamiña á insatisfacción nas sociedades altamente complexizadas. Servizos Sociais, non pode. A Xunta, cala. O concello, fuxe. As activistas detidas, o pobo galego que loita e conquista o que as súas institucions derruban e privatización. Son a verdadeira faciana da xustiza.Non son vitorias ou derrotas, se non pasos canda a adiante. O día 27 de novembro do 2013 a cidadanía da Coruña e as xentes que dende diversas latitudes empurraban e apoiaban demos un paso enorme cara a nosa liberdade. O desmedido abuso da policía, amosa o medo existente á resposta colectiva. O desleixo institucional, evidencia a carne de infames da que se compón o aparello capitalista que se da en chamar “estado” . A única dignidade é a que provén do pobo, de ninguén máis que “en nome de” comete atrocidades ou pequenas melloras nun malestar xeneralizado. O 27 de novembro, foi o amargo comezo da nosa conquista. E xa non o poderán deter.

Un artigo de Héctor Tejón (A Coruña)