Celebrada a IV Asemblea Xeral da Plataforma de Sindicatos de Nacións Sen...

Celebrada a IV Asemblea Xeral da Plataforma de Sindicatos de Nacións Sen Estado

5

 

Como temos adiantado, a CUT e os demais sindicatos membros da PSNSE, estivo presente en Rennes na Bretaña, na IV Asemblea Xeral desta internacional. Durante dous días, as organizacións discutiron distintos asuntos relativos ás estratexias a levar adiante para enfrontar a actual ofensiva do Capital contra os dereitos dos traballadores/as. Na primeira xornada ademais dos preceptivos saúdos de cada unha das organizacións, os sindicatos fixeron unha diagnose sintetizada da situación nos seus países de procedencia. A continuación transcribimos a intervención do compañeiro Manolo Camaño en nome da CUT.

Queridos compañeiros e compañeiras das organizacións sindicais presentes nesta Asamblea Xeral da PSNSE. Queridos compañeiros e compañeiras anfitrións do SLB, grazas pola vosa hospitalidade e polo esforzo na organización deste evento sindical.

Desde a CUT de Galicia querémovos transmitir en primeiro lugar, un saúdo fraternal, internacionalista e de clase.
 Compañei@s: Vai facer catro anos que a maioría das organizacións hoxe aquí presentes e pertencentes á PSNSE, nos reunimos no Val de Aosta, e a bo seguro non nos imaxinábamos o que se aveciñaba para a clase traballadora das nosas respectivas nacións e para os pobos do Mundo. Estámonos a referir ás consecuencias colosais derivadas das políticas neoliberais que impuxeron á nosa clase, desde o ano 1998. Efectos que si cabe, tórnanse aínda máis perversos naqueles territorios que somos nacións sen estado, como o caso galego.
 
A nosa organización acaba de celebrar o noso V Congreso Nacional, unha tarefa que nos mantivo ocupados durante os tres últimos meses, non podendo contribuir á preparación desta Asemblea Xeral, na medida que desexabamos, pero estamos aquí. Vimos do noso V Congreso con enerxías renovadas, para enfrontar os retos da clase traballadora no noso país, e ofrecer o noso contributo internacionalista e proletario. Vimos a participar con todos vos nesta tarefa, que sea quen de fixar uns obxectivos coordinados por todas as organizacións presentes, para as nosas respectivas realidades nacionais.Coma se ten dito, aproximadamente desde o ano 2008, a economía capitalista está a destruír e a laminar as conquistas históricas da clase traballadora. Os recortes laborais, a precarización da sanidade e da educación públicas, a ofensiva contra a lingua e a cultura propias, a represión indiscriminada, no caso galego a emigración forzosa da mocidade, a escalada da discriminación de xénero, o racismo, a fame, o escravismo e a explotación.Isto compañeiros e compañeiras pasa na Europa das “liberdades”, onde a UE tense destacado co FMI e BCE, como reitores das nosas vidas, sen que nós, a maioría social, os lexitimáramos para tal desempeño. Pero o rol que o sistema capitalista lle ten asinado nesta etapa histórica ós pobos de Africa, Asia ou América Latina é aínda se cabe, máis perverso e vil. Este acrecentou o dominio imperialista, o latrocinio e a rapiña dos recursos naturais, e a imposición dunha política xenocida a nivel migratorio.Esta é a nosa diagnose. Correspóndelle ó sindicalismo de clase, correspóndelle se cabe, ás organizacións sindicais das nacións sen estado, establecer unha resposta sindical combativa e coordinada, partindo de cada realidade nacional concreta, unha resposta que lle pare os pes ás políticas antiobreiras do sistema capitalista e dos seus xestores nos distintos gobernos lacais da burguesía, sexan da cor que sexan.O final da Asemblea Xeral adoptouse unha Resolución de pedir a liberdade do compañeiro Rafa Diez Usubiaga, anterior Secretario Xeral de LAB, que sigue inxustamente na cadea como refén do Goberno español.A vindeira Asamblea Xeral terá lugar en novembro do 2015 no Val da Aosta.