E vai para un ano sen Folga Xeral

E vai para un ano sen Folga Xeral

5

As corporacións sindicais españolas, e o que é máis triste, tamén a CIG no marco galego, seguen sen falar de Folga Xeral.O próximo 14 de novembro vai facer un ano da última, pero as burocracias sindicais non saben nin contestan. Desde aquela data, choveron espichos e fungueiros sobre a clase traballadora, pero a Folga Xeral non entra nos plans de CCOO, UGT e, por seguidismo, tampouco da CIG.Habería que ir moitas décadas atrás no tempo, para atopar semellante aldraxe aos dereitos dos traballadores e traballadoras como a que estamos a sufrir nesta conxuntura histórica. Porén, a resposta organizada a través da Folga Xeral non entra nos plans dos que, ao longo dos derradeiros trinta e cinco anos, teñen amosado claramente cal é o seu verdadeiro rol: fortalecer o réxime saído da restauración borbónica, desarmar os traballadores e traballadoras, garantir a paz social.Mentres en Euskal Herria chamaron a Folga Xeral en cinco ocasións, mentres en Grecia o fixeron dezasete veces, en Galicia cunha taxa de desemprego que supera dez puntos a vasca, os sindicatos maioritarios mantéñense na parálise máis vergoñenta.Nesta conxuntura histórica que estamos a vivir, a necesidade do exercicio dunha Folga Xeral cun marcado senso político, non é un obxectivo táctico sindical calquera para a clase traballadora. Cando a enxurrada da ofensiva da patronal e dos poderes políticos se centran como agora, na eliminación dos máis mínimos dereitos da nosa clase, a Folga Xeral adquire un perfil ineludible de derrocar o poder establecido. O vector económico pasa a segundo plano, dándolle paso ó carácter político e subversivo da clase obreira organizada.Os sindicatos maioritarios son conscientes disto. CCOO e UGT saben que unha simple convocatoria de Folga -aínda que oportunista e cínica como a de fai un ano- é para eles perigosa. Pódeselle ir das mans se o sindicalismo de clase e combativo toma o mando da Folga e a converte nun acto de sentido máis amplo e revolucionario.Hoxe, para a CUT e para todo o abano do sindicalismo alternativo, a convocatoria da Folga Xeral segue a ser un obxectivo encardinado na lóxica da acumulación de forzas, na necesidade de que a nosa clase volva a ilusionarse e saia do derrotismo ao que nos levou a traizón sindical e a alienación capitalista. Fronte ao desmantelamento sistemático do Dereito laboral, fronte aos recortes no ensino e os repagos na sanidade, fronte á laminación dos dereitos democráticos, perante o asalto ás pensións,…, a resposta só pode ser unha: unidade de clase, xuntanza dos frontes e dos distintos lumes entorno á Folga Xeral.FRONTE ÁS ESTAFAS DO CAPITAL, VOLVE A FACER FALTA A FOLGA XERAL !!