CUT tomba a NH Obradoiro tamén nos xulgados

CUT tomba a NH Obradoiro tamén nos xulgados

22

A condena á readmisión da compañeira Pilar Botana despedida logo de graves vulneracións dos seus dereitos sindicais ou a sanción administrativa da Inspección Laboral por contratación fraudulenta reiterada son algúns dos trunfos xurídicos da Sección Sindical da CUT no hotel compostelán NH Obradoiro.Logo dunha dura batalla xudicial a traballadora Pilar Botana reingresou no centro de traballo NH Obradoiro de Compostela, logo de ser despedida nunha práctica empresarial que o xulgado entende vulneradora dos seus dereitos, condenando a esta empresa a abonar os salarios de tramitación.

O xulgado nº 3 de Compostela entende que o seu despedimento non estaba xustificado noutra cousa do que na vontade de excluila do centro de traballo, para que non continuase cunha constante labor sindical que molestou dende o principio á empresa, facendo seguimento activo de todo tipo de convocatorias sindicais e programando coa representación da CUT diferentes iniciativas de denuncia administrativa e pública dos incumprimentos laborais e da persecución á que está a ser sometida a sección sindical da CUT no Hotel aínda hoxe mesmo.Doutra banda, varias resolucións da Inspección do Traballo e a Seguridade Social da Coruña viñeron nestes meses a lle dar a razón á representación colectiva e unánime da CUT, que puxo no coñecemento do organismo público diversas irregularidades administrativas ao seu ver graves. Se a investigación aberta pola posíbel fraude na cotización das horas extraordinarias, que o instituto público decidiu estender a todo o conxunto dos hoteis NH do Estado, é unha das nidias vitorias desta central sindical, a máis importante delas consiste no recoñecemento administrativo de que o centro de traballo NH Obradoiro está utilizar de maneira fraudulenta a contratación fixa-discontinua.
Baixo a apariencia dunha relación fixa-discontinua a empresa agochou varios contratos indefinidos, que non quixo nunca recoñecer xa que lle outorgarían maiores garantías ás traballadoras. Pola contra, esta resolución abre unha vía para demandar a superación dunha práctica empresarial dirixida a minar as condicións de vida das traballadoras, facendo chamamamentos sen orde, ao seu discreto interese, sen respectar o Convenio Colectivo, evitando o dereito aos descansos mínimos pagos e descubríndoas na súa cotización.
Para Leonardo Da Cruz, Secretario Comarcal da CUT-Compostela e delegado de persoal do Hotel NH Obradoiro “o feito de que as diferentes denuncias e demandas que se están a interpoñer contra NH Obradoiro por graves agresións contra dereitos laborais e sindicais estean a ter resultados positivos é amplamente satisfactorio. O capital non, pero nós temos unha fonda firmeza moral, e a convicción de termos a razón. Se o noso proxecto está para conquistar melloras para o conxunto das traballadoras e traballadores neste caso xogamos ao revés, neste centro de traballo non se quere respectar nin tan sequera a liña vermella da legalidade laboral vixente”. Ao tempo que lembraba que está pendende aínda a resolución do conflito aberto á raíz do despedimento do noso delegado de persoal David Rey, sobre o cal a multinacional se nega sequera a dialogar.