Profesorado do CELGA denuncia abusos laborais e administrativos

Profesorado do CELGA denuncia abusos laborais e administrativos

7

Unha concentración diante de Política Lingüística esixía esta semana poñerlle fin á precariedade laboral e á inseguridade administrativa, demandando a alta na seguridade social do colectivo e a profesionalización do sector.“Contrato e seguro” era a esixencia que as recentemente constituídas asembleas de profesorado do Celga (profesorado colaborador responsábel de impartir os cursos do Celga en Galiza ou de avaliar as probas deste), colocaron máis unha vez fronte ao edificio de Política Lingüística en Compostela. Sen contrato laboral, sen seguridade social, sen listaxes e condicións de chamado claras, sen actualización salarial: a precariedade laboral é o día a día de todo o colectivo de traballadoras e traballadores da lingua que demanda da Xunta de Galiza unha saída negociada a unha situación que a propia administración creou, e que foi empeorando dende o nacemento deste sistema de formación en lingua galega para persoas adultas.
De palabra. Sen dereito á baixa laboral. A Xunta converte deste xeito a contratación laboral nunha auténtica feira de traballadoras e traballadores sen dereitos, de man de obra barata e sen protección social da que se demanda a inscrición no desemprego para poder impartir os cursos de galego, mais aos que unha vez iniciado o curso non se lles tramita sequera a alta na seguridade social. Á marxe das leis laborais e dos mínimos contemplados en dereito, á marxe da negociación colectiva, á marxe da seguridade laboral e xurídica.
E non só. As asembleas de profesorado do Celga denunciaron tamén esta mañá que sobre esta triste situación caen como lousas os diferentes abusos da administración galega, que agocha as listaxes de contratación para persoal avaliador das probas ou para aquel que imparte linguaxes específicas ao tempo que muda os criterios de acceso e permanencia á listaxe do persoal que imparte os cursos obstaculizando o establecemento dun marco claro de relacionamento coa administración, facendo de cada convocatoria anual unha rateira para as máis despistadas.Nun manifesto que circula polas redes sociais, o profesorado colaborador que se declara en loita contra os abusos laborais e administrativos da Xunta de Galiza, advertía tamén que todo un sistema de alfabetización e formación de adultos está en risco de desaparición pola degradación sistemática de contidos, a redución de horarios e a precarización da dotación material. Para o colectivo isto non só merma cualitativamente o servizo senón que é unha clara condena á morte para un motor importante de normalización da nosa lingua.Advirten da continuidade das mobilizacións, que teñen por obxectivo inmediato o aseguramento social do profesorado, o establecemento dun espazo de negociación colectiva e a publicidade inmediata de todas as listaxes e criterios selectivos para conter, como horizonte inevitábel, a necesidade da consecución dun grupo estábel de profesorado profesionalizado, seleccionado de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.