CUT e CNT preparan campaña antirrepresiva en Compostela

CUT e CNT preparan campaña antirrepresiva en Compostela

12

Unha xuntanza bilateral entre a CNT e a CUT atallou a necesidade dunha resposta colectiva á agresión contra as folguistas do 14-N aseverando que “xa non é posíbel atemorizar a unha clase traballadora cansa dos abusos e farta de que aposten o seu futuro nos casinos”. A mudanza da estratexia represiva da Administración central e da Policía Nacional nos últimos meses levou a que a Brigada de Información policial e a Fiscalía compostelás pularan pola reapertura das investigacións referidas á folga xeral do 14 de novembro na comarca, co ánimo de limitaren máis aínda o dereito fundamental á folga mediante a criminalización e diversas actuación persecutorias sobre o movemento sindical alternativo da comarca.Ambas as centrais celebraban unha xuntanza para botar a andar unha campaña antirrepresiva, coincidindo na xuntanza de análise que “o éxito da convocatoria da pasada folga xeral, sumada ao éxito do sindicalismo combativo e alternativo que referendou cuantitativa e cualitativamente a súa referencialidade no contexto de folga” son a causa principal de que este goberno de ultradereita, ao servizo do Capital, cun descrédito enorme entre o pobo traballador, “decidise agredir ao conxunto das e dos folguistas, como parte dunha mudanza das regras de xogo, consistente en suprimir pola vía dos feitos o edificio dos dereitos sociais, económicos e políticos da clase traballadora, que non foron nunca un agasallo”.Recordaron que “o secuestro de dúas traballadoras a semana pasada, co correspondente rexistro dos seus fogares, puxo en alerta ao conxunto do movemento obreiro e popular da cidade e da comarca, que deberá reflexionar sobre os feitos e terá que armarse de razóns, de coraxe e de estratexias de resposta para facer bandeira da solidariedade e para seguir a camiñar co optimismo radical que caracteriza unha loita por mudalo todo”.Ambas as centrais aseguraron “estar nun momento decisivo da mobilización de base no que non cabe paso atrás algún” e criticaron “a política do medo que o Capital decide instaurar para desarmarnos económica e psicoloxicamente”  afirmando que “xa non é posíbel meterlle medo a un pobo canso dos máis diversos abusos, e farto de que sigan a apostar o seu futuro nos casinos”, para o que as centrais sindicais artellarán “unha resposta contudente e ampla, que se dará a coñecer nos vindeiros días, na chave positiva e pedagóxica na que sempre desenvolvemos a nosa acción sindical, demostrando que a transformación social non só é posíbel senón que os xermolos están a abrollar no presente, de maneira irreductíbel”.