CUT-Coruña prepara o novo curso político

CUT-Coruña prepara o novo curso político

7

Na asemblea comarcal da Coruña levamos a cabo dúas xuntanzas no que vai de ano co obxectivo de darlle un pulo á nosa Central nesta comarca.Elaboramos o noso calendario de acción sindical para os vindeiros tres meses e a planificación do noso día a día no sindicato.Entre outras actividades, como a reestruturación das asembleas para unha maior efectividade e operatividade do noso traballo, a formación interna da militancia en cuestións básicas do dereito laboral para unha maior autonomía e empoderamento da mesma, e a reapertura en novos horarios para o local dos que informaremos en breve, imos desenvolver durante os próximos meses traballo conxunto cara a afianzar e afortalar redes con colectivos e movementos sociais da cidade.
Comezamos pois o pasado 26 de xaneiro coa presentación do Estudo de Viabilidade da Renda Básica en Galiza no que a nosa central colaborou coa Coordenadora de Loitas contra o Paro e a Exclusión Social Baladre e onde contamos con dous membros desta organización que nos espuxeron as conclusións do estudo. Valoramos a realización deste evento como positiva ao compartir ferramentas, experiencias e coñecementos con persoas que traballan pola transformación social noutros eidos.
Así mesmo, a nosa asemblea comarcal organizará en breve unha presentación da CUT-Mocidade na cidade da Coruña de cara a establecer lazos cos sindicatos estudantís e coñecer o traballo mutuo, para o que xa establecemos os primeiros contactos.