CUT DENUNCIA A CLECE SA. POLA “DESAPARICIÓN” DE 500 MIL EUROS PÚBLICOS

CUT DENUNCIA A CLECE SA. POLA “DESAPARICIÓN” DE 500 MIL EUROS PÚBLICOS

11

A Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) presentou na mañá de onte unha denuncia penal contra a empresa CLECE SA, concesionaria do servizo de limpeza dos catro hospitais públicos de Compostela, pola posíbel subtracción de preto de medio millón de euros da contrata pública que estaban asignados ao pagamento dunhas pagas extraordinarias que a empresa decidiu negar unilateralmente e sen xustificación ás 300 traballadoras e traballadores do servizo.

Previamente a esta denuncia, a CUT tentou poñer en coñecemento do SERGAS as súas sospeitas, preguntando reiteradamente á Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), organismo público dependente do SERGAS e responsábel do servizo e vixía da contrata, por activa e por pasiva se fora a administración quen lle detraera á empresa esta cantidade, respondéndonos esta administración que non.Ao fío disto, e sen ter recibido comunicación algunha do servizo de inspección da contrata, garante do cumprimento das cláusulas que atan á empresa e á administración, tampouco a comunicación da apertura de investigación algunha, a CUT decidiu poñer os feitos en coñecemento da autoridade xudicial por posíbel comisión dun ilícito penal.A CUT leva tempo esixindo que se lle poña freo ao escurantismo coas contratas públicas, algo que só se pode conseguir mediante un exercicio consciente de transparencia que a administración popular non está disposta a realizar. Esiximos que os Comités de Empresa e a cidadanía teña acceso ao detalle dos pactos económicos das contratas, fiscalizando así popularmente a asignación dos nosos cartos á empresa privada. Recordamos que se lle está a negar reiteradamente á representación colectiva o acceso a unha información vital para o establecemento das condicións laborais nos servizos privatizados.