CRTVG e a navallada do Partido Popular

CRTVG e a navallada do Partido Popular

8

O Director Xeral da CRTVG daba estes días unha aula maxistral de cinismo ao agochar no debate parlamentar a intención da administración ultraliberal e do seu equipo de privatizar e desartellar o medio púbico .Se o Partido Popular galego foi demostrando nestes anos a súa capacidade de afogar o tecido institucional galego e a rede de servizos públicos nacionais, a Compañía de Radio Televisión de Galiza non puido manterse á marxe desta regresión histórica. A merma na calidade dos contidos, un ERE encuberto de máis de 90 traballadoras e traballadores, a instauración dun férreo control político sobre a información, a españolización do medio ou o investimento de auténticas fortunas en produtoras privadas para a elaboración de contidos, foron algunhas das medidas progresivas para o seu esvaciamento no seo dun profundo descrédito social.O seu Director Xeral, o tecnócrata Alfonso Sánchez Izquierdo, a quen o PP instalou en San Marcos posibelmente polo seu recoñecido cariz “democrático” é coñecido por negar reiteradamente encontro algún coa representación colectiva das traballadoras e traballadores. Mais non só iso, tamén se mostrou áxil e eficiente na realización das comandas que lle realiza o goberno ultraliberal. Acompañado dun silencio absoluto sobre os seus planos a medio prazo, sostivo unha actitude submisa á redución da partida orzamentaria para este servizo público e non evitou anunciar unha nova atribución millonaria ás produtoras privadas. Unha contración privada cuestionada estes días por Competencia, que está a investigar a posíbel e reiterada contratación discrecional de empresas privadas.
Sánchez Izquierdo queixábase do peso dos salarios no ente público. Criticado por ser un dos cargos públicos con maior retribución (96.000 euros anuais aos que se suman outros privilexios), cargaba as tintas contra o cadro de persoal do medio, sen preocuparse de contrastar nin sequera as cifras que lanzou publicamente e que o Comité Interempresas desminte con contundencia. Preguntado por diferentes medios de comunicación, non descartaba un novo ERE na CRTVG.Existe un claro risco de descomposición da CRTVG e de desartellamento pola administración galega dun servizo público esencial que foi creado co obxectivo de normalizar e dignificar unha lingua e unha cultura historicamente agredidas. Ao PP non lle interesa o sistema de servizos públicos de autodefensa nacional que no seu momento se viu obrigado a pactar. Nun claro exercicio antidemocrático, este partido decidira ao primeiro facer da CRTVG o seu aparello de propaganda diluíndo as súas principais funcións para finalmente adoptar o “modelo de desartellamento e demolición de canles públicas” despregado por Esperanza Aguirre en Telemadrid.Fica no aire unha pregunta. Terán os galegos e galegas a coraxe suficiente para defender con dignidade e contundencia á CRTVG dos planos do Partido Popular para a súa progresiva desaparición?