A CUT ESTARÁ COA ACTIVISTA SINDICAL LAURA BUGALHO.

A CUT ESTARÁ COA ACTIVISTA SINDICAL LAURA BUGALHO.

14

Laura Bugalho, Secretaria de Inmigración da CIG, será enxuizada o vindeiro 16 de xaneiro no compostelá xulgado das Fontiñas, acusada dun delito de falsidade documental continuada, para o que lle solicitan entre 3 e 6 anos de prisión. A CUT non pode senón poñer a súa voz da banda desta traballadora da solidariedade e dos dereitos das traballadoras e traballadores inmigrantes. A CUT estará este mércores, ás 09:00 horas, ás portas dos Xulgados de Compostela.
O certo é que o activismo destacado desta compañeira na defensa do colectivo inmigrante foi e segue a ser un exemplo nacional de constancia e perseverancia que evidentemente un sistema xenófobo, co seu obediente aparello xudicial, administrativo ou policial debe perseguir, xaora aplicando diversos tipos dun Código Penal feito á medida, ou xaora, tirando de todo tipo de estratexias vulneradoras de dereitos da compañeira.Certo é tamén que pouco nos interesan os cargos e imputacións. Tampouco nos importa a súa pertenza a este ou aquel sindicato. Moito nos conmove, pola contra, o seu compromiso permanente, a súa actitude rebelde, a súa militancia internacionalista e a súa experiencia de loita que é escola para todas e todos as que desexamos aprender que a autodefensa das traballadoras e traballadores está composta de tantas cores como o arco da vella.
Se todas somos Laura Bugalho, como di a campaña de apoio de dimensión internacional que se está a artellar, a CUT é hoxe sen reservas Laura Bugalho. Con todas as cores da súa afiliación.