ÉXITO ROTUNDO DA FOLGA NO HOSTAL DOS RRCC

ÉXITO ROTUNDO DA FOLGA NO HOSTAL DOS RRCC

8

As catro xornadas de folga celebradas os pasados 24, 25 e 31 de decembro, e tamén o 1º de xaneiro, resultaron un éxito do conxunto das traballadoras e traballadores do Hostal dos Reis Católicos, Parador da cidade de Compostela, cunhas cifras de seguimiento que evoluíron dende o 75% do nadal ao 85% nas datas de fin de ano e aninovo que nos regalaron a estampa dun centro de traballo pechado a cal e canto e dun Director exercendo de mozo ante a ausencia do 100% deste departamento.Se ben o Comité Intercentros de Madrid copado por Comisións Obreiras e UGT daba mostras do esgotamento dun modelo de sindicalismo feudal e burocrático, entregándolle á Dirección de Paradores máis de 350 despedimentos, unha redución de salario xeral e o peche de varios servizos de restauración ao longo do estado, o Comité de Empresa do Hostal dos Reis Católicos de Compostela, referendado nas Asembleas Xerais, deseñaba un calendario de loita co obxectivo de “non aceptar un ERE deseñado en Madrid, de costas á representación colectiva de Compostela, e que non pode ser aplicado nun centro de traballo como o noso que segue reiteradamente a acumular uns beneficios astronómicos do redor dos 2 millóns de euros”. A intención que esconde o ERE que Paradores deseñou de abonar o terreo para a privatización tanto do servizo como do patrimonio público e histórico foi outro dos elementos que o Comité compostelán denunciou con estas mobilizacións. Unhas xornadas de loita que foron acompañadas dunha denuncia á Inspección de Traballo por falta de lexitimación do Intercentros para negociar expropiando a voz da representación lexítima e que callarán nunha impugnación ao ERE, que defenderán as forzas sindicais CUT, CIG e CGT, esta última a nivel estatal.A representación colectiva está á agarda da Asemblea Xeral de Traballadores e Traballadoras da vindeira semana, que deseñará as accións e mobilizacións futuras, co obxecto de impedir que ningún dos 19 despedimentos precociñados en Madrid para o Hostal se faga efectivo.