CELSO EMILIO, POETA DO POBO TRABALLADOR.

CELSO EMILIO, POETA DO POBO TRABALLADOR.

9

“O lume que alampea, endexamais o veredes morto”, certificaba Celso Emilio Ferreio nunha especie de epitafio que defendeu durante a súa viaxe ao País dos Ananos. E foi así que a súa voz, abeirada para sempre no corazón atribulado dos traballadores e traballadoras de Galiza, proseguida e acochada no seo da esquerda revolucionaria galega, como unha icona da lingua e tamén, nunha das dimensións menos exploradas, como unha icona da dignidade colectiva do pobo traballador galego.

Celso Emilio non puido, aínda, ser expropiado polo poder, na viveza da súa memoria e na dureza das súas palabras. O seus versos agudos, sempre acres para coa dominación, sempre da banda das desherdadas, dificultáronlle moito este traballo. Por iso o poder neoliberal e de ultradereita do goberno galego pasa case nas puntas dos pés pola celebración popular da súa voz este 12 de decembro (12/12/2012), e por iso a súa voz presentada nas prazas, defendida nas rúas, proxectada na pantalla, ten de novo o valor e a actualidade toda dun discurso ao servizo da resistencia política e, por suposto, do compromiso estético.

Hoxe a CUT está con Celso Emilio Ferreiro en todos e cada un dos territorios da súa voz porque el está connosco. Porque a súa voz pertence en exclusiva ás desherdadas. Porque aínda resoa no estertor deste tardofranquismo en apodrecemento o seu magnífico e actual “Monólogo do vello traballador”, probabelmente a primeira incursión do materialismo dialéctico na poesía galega:MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADORAgora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.