FOLGA XERAL, E TAMÉN DE COIDADOS

FOLGA XERAL, E TAMÉN DE COIDADOS

11

Reivindicamos o recoñecemento do traballo doméstico e a urxencia dunha folga de coidados, ademais do paro indefinido.

Coa campaña “Nós producimos, nós paramos” queremos colocar o traballo doméstico na axenda da folga, evidenciando o escaso recoñecemento co que conta e a necesidade de interpelar a sectores sociais até agora ignorados polo groso das centrais sindicais.Levamos tempo dicindo que para a CUT a folga non é un fin en si mesmo, senón parte dun proceso de loita organizada e creación de contrapoderes capaces de abrir brechas e poñer en xaque un sistema que nos está roubando as vidas e o futuro.Asumimos a necesidade de experimentar, en cada nova convocatoria de mobilización metodoloxías distintas e proxectar discursos até agora invisibilizados.O traballo doméstico ou de coidados é imprescindible para a subsistencia e o benestar das persoas. Sen esas actividades, que historicamente desenvolvemos as mulleres, debido a un inxusto reparto do traballo, non sería posible sacar adiante ás crianzas nin manter a saúde e a vida de maiores e adultos.Malia a súa importancia este traballo non se recoñece, nin se valora. Estas tarefas, que debían ser de responsabilidade de toda a sociedade, cárganse no lombo das mulleres e, duns anos para aquí, coa desculpa da crise, a cousa aínda foi a peor, porque os recortes e medidas que se están a tomar non fan máis que desviar cara a nós a presión asistencial da cal o estado e o conxunto da comunidade, desenténdense.Por iso, este 14 de novembro queremos reivindicar a urxencia dunha folga de coidados, ademais do paro indefinido. Unha mobilización que arroxe o até agora considerado privado á esfera pública, que cuestione o conxunto da sociedade sobre quen e en que condicións se están subministrando as tarefas que permiten soster a vida de crianzas, adultos e maiores, e cales son as consecuencias deste dispositivo de suxeición e control para a emancipación de nosoutras, mulleres.Propoñemos que nesta folga xeral, seguindo a inciativa das compañeiras doutros territorios na anterior convocatoria de marzo, cada muller e cada home amose, colgando un mandil da súa fiestra, que no interior dos fogares os coidados tamén han de parar para denunciar as políticas antisociais que están a recortar as nosas posibilidades dunha vida digna e con liberdade.Que cada fiestra sexa un berro de que os coidados tamén están en loita!