UNHA ADMINISTRACIÓN AO SERVIZO DA PATRONAL

UNHA ADMINISTRACIÓN AO SERVIZO DA PATRONAL

13

Comeza a recta final da folga xeral do vindeiro 14 de novembro, e con isto, os teatriños de cartón do sindicalismo institucional. Hai que establecer os servizos mínimos nas administracións públicas e tanto as Direccións Xerais como as centrais sindicais maioritarias despregan unha morea estremecedora de cifras, referencias a sentenzas deste ou aquel tribunal e a cordialidade, a pax social, preside un trámite malchamado “negociación”, onde a administración impón unilateralmente a súa vontade vulneradora da folga e os de sempre, as centrais sindicais de sempre, non se incomodan de máis porque, no fondo, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública a calefacción central ficou prendida. Na rúa sempre fixo máis frío.Vivimos numerados, clasificados, nunca administrados/as. Vivimos, curiosamente, contra a administración. Porque nunha democracia de palla como a nosa, e máis aínda nun país chantado na cultura tardofranquista de asignación de cargos públicos e repartos do pastel administrativo, a realización do ideal burgués da “administración neutral”, equidistante dos diferentes intereses en xogo entre os diferentes segmentos do pobo, nunca chegou a existir. Vivimos inseridas e inseridos nun sistema onde dende as entidades de xestión técnica se está a exercer unha esquirolaxe sistemática para a patronal. Sostemos cos cartos de todas e todos unha xestión pública dirixida a blindar os intereses do Capital, e preocupada en conseguir un obxectivo: que a folga xeral non funcione.Vivimos inseridas nun teatro social onde a administración galega se dirixe ás centrais sindicais en castelán e ningunha central, tampouco a máis nacionalista delas, se disturba. Quzais só nós, por románticos ou utópicos, dirán. Onde os índices de tolerancia da barbarie etnocida e do espolio aumentan. Nun contexto de relacións laborais onde xa non é posíbel conciliar os intereses en xogo, da clase traballadora e do capital. Onde esmoreceron as posibilidades de “negociación” e xa hai ben tempo que unha das partes “impón”. Onde máis do que nunca, as rúas se revelan como o único espazo de conquista posíbel.A CUT estivo nese grande espectáculo de “negociación dos servizos mínimos” por responsabilidade sindical. Isto que aquí trasladamos é o pouco (ou moito) que esta central tivo que dicir alí. Para que conste en acta. Para o resto, enerxía e ilusión. Afortunadamente, o éxito da folga xeral está nas nosas mans. Logo despois fagámonos un favor. Pechemos as portas dos salóns de moqueta con chave por fóra e poñamos máis e máis alta a calefacción central. Fóra, nas rúas, pasaremos frío, mais nós non entendemos outra posibilidade de transformación. Dende logo, este mundo e este futuro que eles queren para nós, non imos deixalo así.