CRTVG, camiño da folga xeral

CRTVG, camiño da folga xeral

9

Esta tarde a Sección Sindical da CUT na CRTVG vén de xuntarse para preparar no centro de traballo unha folga que foi considerada unanimemente como urxente e necesaria. Ao fío disto a Sección Sindical deste medio público centrará os seus esforzos en conseguir que a convocatoria do vindeiro 14 de novembro sexa un éxito no seu centro como constatación dunha viraxe sindical que devolveu aos organismos representativos da CRTVG, presididos pola CUT, unha cultura sindical baseada na mobilización e unha forma de facer sindicalismo ao servizo da maioría do cadro de persoal e non baseado en privilexios mais si en asembleas.

Así, a CUT acordou difundir no centro de traballo un novo número do voceiro da Sección Sindical que terá como tema central a Folga Xeral e que se esforzará en explicar tamén o alcance do novo Regulamento dos Expedientes de Regulación de Emprego, que contempla o despedimento masivo de persoal laboral en base a criterios discrecionais manexábeis ao antollo pola administración. Ao tempo, infórmase da convocatoria de asembleas xerais de traballadores/as monográficas para o vindeiro fin de semana.
É así, centro de traballo a centro de traballo, e nas rúas, que se convoca unha folga xeral. Luxándose as mans, dialogando coas traballadoras e traballadores.  Conseguindo que cada obreira e cada obreiro, que cada desempregado e desempregada, se convirtan en portavoces colectivos dunha xornada como a do 14-N que é patrimonio colectivo de todo o pobo traballador galego. E tamén de moitos dos pobos traballadores de europa.