ALENTAR A FOLGA, CONSOLIDAR O FUTURO

ALENTAR A FOLGA, CONSOLIDAR O FUTURO

11

Alentar a folga, consolidar o futuro. Con creatividade sindical e persistencia é como a clase traballadora, e o conxunto das clases populares, debemos afrontar a convocatoria da folga xeral do vindeiro 14 de novembro. Para devolver a folga ao que é: unha obra colectiva das traballadoras e traballadores por riba das cisións, das exclusións, das imposturas. Unha ferramenta para superar aos poucos os estreitos patróns dunha vida que nos vén dada. Desta sociedade composta de violencias, opresións, exclusións, desigualdades, vidas esgazadas.A chave está na insubmisión. Na rebelión e a desobediencia obreiras. Na nosa capacidade para subvertermos esta sociedade que levamos sobre as costas apodrecendo. A nosa capacidade para lle dar forma á vella voz colectiva das traballadoras e traballadores de todo o mundo polo poder popular. O poder popular é un edificio colectivo, dos de ir levantando aos poucos, con paciencia mais, sobre todo, con implicación e enerxía militante. A chave está na recuperación dos espazos públicos e privados expropiados. Na nosa persistencia á hora de reiterar “antigas” batallas tristemente necesarias e urxentes, pola igualdade, pola demolición de cada muro interposto entre a nosa vontade de exercermos libremente a nosa capacidade de decidir e o presente.O esgotamento dun sistema baseado na violencia, na incertidume, na individualización, na dominación, na desigualdade entre os xéneros, na competencia, como é o capitalismo, é máis do que coñecida. Por iso se abre un tempo diferente para nós, no que xa cómpren outras cousas. Un tempo no que dende o concurso dos cativos esforzos dunha central sindical como a CUT podemos e debemos demostrar que é posíbel apañar coas nosas propias mans o presente e darlle a forma do futuro, desa outra sociedade máis xusta, que queremos. Un tempo no que falar do como recompoñer as nosas vidas, do como construír un novo sistema produtivo para a maioría social: nós. Nós sen medo. Pendurando as nosas roupas de traballo. Saíndo á rúa dende cada sector, dende cada posto de traballo. Saído á rúa dende o abafe do desemprego, porque desempregadas si, mais nunca derrotadas.Hoxe, as obreiras e obreiros, as compañeiras e compañeiros desta central sindical, rexistraron na administración a convocatoria de folga xeral para o 14 de novembro. Nacional, pero tamén europea. Internacionalista. Está claro, a forza dos traballadores e traballadoras é imparábel. Cómpre que nos deteñamos un momento a pensalo, a sabelo. Nós, a maioría social, contando só coas nosas propias mans, coa nosa propia forzaLe AQUÍ o xornal especial Poder Obreiro!