COMUNICADO DAS PERSOAS “PECHADAS” CONTRA A SEGREGACIÓN RACIAL.

COMUNICADO DAS PERSOAS “PECHADAS” CONTRA A SEGREGACIÓN RACIAL.

9

Centro Médico Concepción Arenal, Compostela a 03 de setembro do 2012.
Hoxe, o medio cento de traballadoras e traballadores da CUT que decidimos permanecer, nun exercicio de desobediencia civil, no Centro Médico Concepción Arenal propuxémonos un obxectivo: recuperar coas nosas propias mans, cos nosos corpos, os dereitos que o Capital e os seus gobernos de cartón nos están a arrincar con violencia, sen que a miseria da maior parte da sociedade lles importe o máis mínimo.

A saúde pública, a educación, os dereitos sociais non foron nunca un regalo. Os dereitos conquístanse coa loita. A saúde pública, gratuíta e universal foi unha conquista de moitísimos anos de loita da clase traballadora, e nós gardamos memoria diso. Por moito de que intenten apagar esta memoria coas súa mentiras, as súas fortunas, a súa desvergoña e mesmo a súa policía. Xa non temos medo.

A paciencia da clase traballadora ten límites. Rebelámonos contra o Real Decreto da Segregación Sanitaria (RD 16/2012), que pretende excluír da atención sanitaria a unha grande parte da poboación inmigrante. Rebelámonos contra as súas políticas racistas e xenófobas. Rebelámonos contra a exclusión e a segregación. Rebelámonos contra un sistema que pretende que os seres humanos sexamos invisibles.

Esiximos que a Xunta de Galiza deixe de desenvolver unha estratexia electoralista e de panos quentes con este tema e asuma a súa responsabilidade declarándose radicalmente insubmisa ao Decreto da Segregación Sanitaria. Mais, como traballadoras e traballadores xa só confiamos nas nosas forzas. Por iso estamos aquí, para facer un chamado a todos os compañeiros e compañeiras do sector sanitario a se declararen en insubmisión, en desobediencia civil, en obxección de conciencia contra este Decreto. A seguiren garantíndolle dende a súa conciencia solidaria, a atención sanitaria a toda a cidadanía, sen ningún tipo de exclusión.

Por iso estamos aquí. Porque esta crise non a imos pagar a clase traballadora. Porque a unidade das traballadoras e traballadores polos seus traballos, polas súas vidas vai triunfar. Ou nós ou eles compañeiras e compañeiros. E se temos que decidir, apostamos por nós. Porque somos a maioría social e o futuro ten que ser noso.

Cando o racismo e a xenofobia son un feito, a insubmisión e a desobediencia civil son un dereito.

A sanidade pública é unha conquista de todas e todos.